Uxía Casal: concisión é fluidez

 

Uxía Casal presenta na Livraria Suévia "Saturno tamén é deus", un libro de relatos cos que hai vinte anos se estreara como narradora para adultos e que agora recupera Urco na colección Alcaián nunha edición coidada e en harmonía até as comas coa lectura que propón a autora.

 

Uxía Casal: concisión é fluidez
Uxía Casal, con Emma Pedreira e o editor de Urco, David Cortizo 1
Uxía Casal, con Emma Pedreira e o editor de Urco, David Cortizo

“Son moi curiosa e observadora”, di Uxía Casal na Livraria Suévia acompañada por Emma Pedreira e polo editor de Urco, David Cortizo. “A tenrura é para min o sentimento máis gratificante”, engade. “Quero dignificar, non amolar a lingua”. Uxía Casal vén de lonxe. “Son filóloga”, repite. E por iso discutiu, confesa, cada coma co seu editor. Por iso e porque a súa escrita lese, harmónica, en voz alta. E esixe precisión, atención en cada coma. O libro que trouxo de lonxe para presentar este xoves na Suévia rodeada de chuvia e vento neste inverno intermitente é un libro de relatos sombrío, elegante e frío. Os adxectivos póñenos Pedreira e Cortizo que ponderan até as páxinas en branco, necesarias, coma a coma, para respirar entre tanta densidade desacougante. Hai morte e silencio e dor neses contos. “A literatura non está feita só de libros”, anota Pedreira. Uxía Casal vén de lonxe; e hoxe, de Ribeira, “onde o vento non ten máis para onde ir e dá a volta”. Uxía Casal publicou este mesmo volume (cun conto menos) hai vinte anos nunha colección que tomou o nome de Descubertas e sentiuse maltratada pola editorial e abandonada despois. “Penso que non entenderon o libro, empezando polo que me presentou en Ourense”. Agora Urco recuperou a obra e puxo coidado na edición. “Véxome viva mesmo na foto”, di Uxía. “O que dá de si unha vida… agora, cando escribo, son máis consciente do que estou facendo”.

Pedreira pregunta pola técnica, pola frialdade, a sobriedade e o machetazo que bota o lector fóra da vía contra o final de cada conto. E a autora asinte desculpándose. “Gústame ir directa, ao gran, aborrezo a verborrea e as pedanterías… esas machiruladas. Encántame a concisión, traballar nesa palabra que transmita todas esas sensacións que bulen aquí dento”, dentro da súa cabeza, curiosa e observadora.

Pero a autora tamén lle gusta a fluidez, que a prosa soe como a música e se lea en voz alta, tenra, gratificante… inda que fale das zonas escuras da vida, do inquietante que pode ser unha cama. “Non hai nada seguro”, advirte coma se estivera encetando un conto.

Uxía Casal: concisión é fluidez