Acampa pola paz e o dereito a refuxio
A Rede Acampa ten aberto o prazo de presentación de candidaturas ao Recoñecemento Internacional á Defensa Dos Dereitos Humanos 2025
Particulares e organizacións integradas no Movemento Acampa poden propoñer xa aos seus candidatos.
Ata o 31 de xaneiro poderán presentarse propostas tanto á categoría internacional como local. Neste caso, as candidaturas estarán referidas ao ámbito galego.
A ligazón para a presentación: https://redeacampa.org/gl/v-reco-bases-acampa-2025/
A Coruña, 28 de xaneiro de 2024.- A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio busca un ano máis a complicidade de todas as organizacións e particulares que a integran para a presentación de candidaturas á cuarta edición dos Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos nas dúas categorías que se outorgan, a internacional e a local (Galicia). Trátase de elixir entre todos aos merecedores do aplauso colectivo do Movemento Acampa pola defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a Defensa da Paz e o Diálogo como maneira de resolver os conflitos.
Ata o 31 deste mes, poderanse presentar candidaturas. O proceso é moi sinxelo. Todas as organizacións que - con carta de adhesión- integran a Rede Acampa Internacional, as persoas que consten rexistradas como asociadas á mesma, e os equipos de coordinación locais de Acampa Internacional poden presentar as súas propostas. Só hai que facer chegar dixitalmente un breve resumo dos motivos da proposta, con fotografía do candidato/candidata ou logotipo da organización e biografía ou memoria dos mesmos. Está todo ben detallado na ligazón: https://redeacampa.org/gl/v-reco-bases-acampa-2025/
O Recoñecemento pretende poñer o foco mediático e evidenciar a situación de retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo e a importancia de recuperalos e defendelos coa forza e resiliencia que demostran os receptores deste Recoñecemento.
Votacións
Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, abrirase un prazo de votación no que poderán participar todas as persoas acreditadas como asociadas a unha das organizacións Acampa e todas as organizacións da Rede Acampa (cun voto por organización). A votación para o Recoñecemento Acampa 2025, que será entregado no marco do IX Encontro Internacional Acampa pola Paz do mes de xuño na Coruña, poderá exercerse durante o mes de febreiro.