Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa
A Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros presenta as súas propostas para o litoral en reunión co Concello
O pasado 27 de setembro, a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros mantivo unha reunión co Concello para expoñer as súas propostas relacionadas coa futura planificación do litoral. No marco da comisión sobre a fachada marítima, onde participan diversos actores clave —incluíndo asociacións veciñais e colectivos do sector produtivo—, a asociación trasladou as súas iniciativas.
Co traslado de parte das actividades comerciais portuarias ao Porto Exterior na Punta Langosteira, ábrese unha gran oportunidade para a necesaria renovación do bordo interior marítimo da cidade. A renovación urbana destes terreos debe responder a un modelo de cidade baseado na calidade ambiental, a conservación do patrimonio e da paisaxe, así como o equilibrio entre os usos produtivos, residenciais e terciarios, dun xeito sostible e resiliente. Por iso, é necesaria a revisión do modelo vixente para adaptalo aos paradigmas do urbanismo actual, un modelo que, ao mesmo tempo, xurda dunha construción colectiva entre as administracións, colectivos, institucións, empresas e a cidadanía en xeral.
Dende a asociación, consideramos que estas premisas deben cumprirse para calquera modificación que se realice sobre o futuro dos peiraos do Porto, estruturándose do seguinte xeito:
- Transformación da cidade portuaria. Unha revisión documental extensa de diferentes experiencias de transformación de frontes litorais e estratexias de renovación urbana noutras cidades costeiras, aproveitando os traballos xa realizados.
- Sector produtivo. Proxectos inspiradores en canto á integración da sustentabilidade e da innovación social nas súas transformacións de áreas urbanas degradadas ou na reformulación de espazos produtivos (economía azul).
- Aspectos de interese:
- Territorio: A creación dun novo eixo territorial de gran impacto ambiental, con novas áreas verdes e un espazo público importante para a cidade. A restauración tamén permitirá conectar cultural e ambientalmente.
- Será imprescindible a creación dun plan director para a modificación do PXOUM.
- Sustentabilidade: O proceso debe contar coa participación pública, xa que a preservación do medio ambiente é unha demanda cidadá. Apostamos por unha nova política de transporte centrada no transporte público.
- Actividade económica: Unha das claves é promover a mellora da economía urbana dentro da área de negocios próxima ao porto, potenciando as actividades económicas e culturais.
Dende a asociación, facemos as seguintes propostas: queremos dotar de infraestruturas e servizos a unha zona que estaba deteriorada, e xerar unha nova imaxe para a mesma, así como certa capacidade residencial para vivenda pública en réxime de aluguer e a creación de equipamentos (como unha residencia para maiores), un valor para toda a cidade.
- Innovación: A recuperación de parte do río Monelos conta cun gran consenso social, e recuperaríase un antigo espazo da cidade.
A Asociación Veciñal transmite á comisión, por medio da súa arquitecta, o detalle do proxecto e a orde de execución dende o ano 2025 ata o 2030.
Algúns dos puntos da súa proposta inclúen: carril bici, intercambiador de autobuses, corredor verde, a lonxa, porto deportivo para actividades náuticas, zona edificable para vivenda pública, etc.
A Asociación segue traballando incansablemente neste proxecto, no que terá unha gran influencia.