Armamentismo

A Coruña ten que sumarse ao Proxecto Europeo de Paz

O vindeiro luns 21 de abril ás 20:30 horas, Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña convoca unha xuntanza aberta no local de Podemos A Coruña, situado na rúa Chile número 35, co obxectivo de decidir colectivamente como pode sumarse a nosa cidade á iniciativa promovida polo European Peace Project.

A Coruña ten que sumarse ao Proxecto Europeo de Paz
European Peace Project
European Peace Project

Esta convocatoria está aberta a todas as persoas interesadas, tanto a título individual como en representación de colectivos, asociacións, entidades ou organizacións, sen distinción. A intención é reflexionar conxuntamente sobre como facer visible desde A Coruña unha mensaxe clara en defensa da paz e contra o rearme e a escalada militarista que está vivindo Europa.

O European Peace Project é unha iniciativa cidadá internacional que promove accións descentralizadas en toda Europa o próximo 9 de maio de 2025, ás 17:00 horas, coincidindo co Día de Europa e co 80 aniversario do final da Segunda Guerra Mundial. A elección da data é profundamente simbólica: fronte á propaganda oficial das institucións da UE, que celebran a paz mentres impulsan unha guerra por poderes e aumentan o gasto militar, a cidadanía europea erguerá a súa voz para lembrar que Europa significaba “Nunca Máis a Guerra”.

O manifesto do European Peace Project é claro: denunciamos que a Unión Europea, concibida como proxecto de paz, traizoou os seus principios fundacionais e avanza cara a unha perigosa militarización. A cidadanía europea declara o fracaso da UE como garante de paz e toma nas súas mans a historia e o futuro do continente, opóndose á guerra planificada contra Rusia e ás políticas que a sustentan.

O manifesto recoñece tamén a corresponsabilidade de Occidente e da UE na escalada bélica, e tende a man ao pobo ucraíno e ruso, aos que considera parte da familia europea. Reivindícase unha arquitectura de seguridade europea con Rusia e non contra ela, segundo o espírito da Carta de París de 1990, así como unha Europa neutral, poscolonial e emancipada dos intereses xeoestratéxicos dos Estados Unidos.

As persoas asinantes do manifesto opoñémonos a converter os nosos países en campos de batalla, os nosos fillos en soldados e as nosas fillas en enfermeiras de guerra. Reclamamos o fin das sancións, a reconstrución do gasoduto Nord Stream II e a fin do despilfarro militar que vai en detrimento do Estado social e das infraestruturas públicas.

Desde A Coruña, queremos dicir que tamén hai outra Europa posible: unha Europa de paz, diálogo e cooperación. O primeiro paso para que a nosa cidade se sume a este berro colectivo será participar na xuntanza do luns 21 de abril.

Paz si, guerra non. A Coruña tamén ten que dicilo.

Manifesto

 

A Coruña ten que sumarse ao Proxecto Europeo de Paz