BNG | nota de prensa
O BNG leva a este pleno a falta de fiabilidade do goberno local á hora de cumprir os acordos
“A alcaldesa fai bandeira da capacidade deste Goberno Municipal de chegar a acordos. Mais de nada vale chegar a acordos se logo non se cumpren”, di Jorquera
A Coruña, a 11 de xaneiro de 2022. O Goberno Local non é fiábel á hora de cumprir acordos coa oposición nin cando se trata de honrar os seus compromisos. Así o considera o BNG e esta é a razón que anima a Francisco Jorquera a formular unha pregunta oral ao respecto no Pleno do próximo xoves, con este enunciado: “Considera o Goberno Local que é fiábel á hora de asinar acordos?”.
“Formulamos esta pregunta”, explica o voceiro nacionalista, “porque a alcaldesa fai bandeira da capacidade deste Goberno Municipal de chegar a acordos. Mais de nada vale chegar a acordos se logo non se cumpren. De nada vale se un goberno que se gaba de pactos á coruñesa converte o contido deses pactos en papel mollado”.
Hai unha manchea de incumprimentos, a comezar porque por segundo ano consecutivo o Goberno Local falta á súa palabra e deixa sen efecto o acordo de investidura asinado co BNG a respecto da negociación dos orzamentos.
O acordado era que a negociación comezaría en setembro para ter os orzamentos vixentes a comezos de xaneiro. En 2020 incumpriron o acordo ao prorrogar as contas e en 2021 aínda non presentaron o proxecto orzamentario.
Outros incumprimentos? Pois os que se refiren a acordos co BNG en relación á creación do Consello Económico e Social e o Consello Municipal da Cultura, ao inicio de accións legais contra os Franco para recuperar a Casa Cornide, á creación dunha bolsa de baixos baleiros e doutra de vivendas en aluguer, á negociación coa Sareb para obter a cesión das súas vivendas cara a as incorporar á devandita bolsa de moradas en aluguer ou á mellora do servizo de autobuses.
E aínda hai máis: comprometéronse a presentar en setembro pasado un anteproxecto de lei da Área Metropolitana e non o fixeron.
“O Goberno Local está a demostrar que non cumpre os acordos. Non é un goberno fiábel”, conclúe Jorquera.