BNG | nota de prensa
Jorquera, sobre o anuncio da alcaldesa de negociar os orzamentos 2022: “Aledámonos de que o goberno local rectifique e volva á senda do diálogo en cumprimento do acordo asinado co bng en 2019”
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, valora nestes termos o anuncio feito pola alcaldesa a respecto da intención do Goberno Local de iniciar en setembro a negociación dos orzamentos do Concello para 2022:
“Aledámonos de que o Goberno Local rectifique e volva á senda do diálogo en cumprimento do acordo asinado co BNG en 2019”, di o voceiro nacionalista.
A Coruña, a 16 de xuño de 2021.
En efecto, no Acordo de Investidura subscrito por BNG e PSdeG en xuño de 2019 figuraba o compromiso de o Goberno Local iniciar a negociación dos orzamentos dun exercicio determinado no mes de setembro do ano anterior.
“Desgrazadamente, o PSOE incumpriu ese compromiso no que ten a ver cos orzamentos deste ano ao decidir de xeito unilateral, e sen negociar cos grupos, prorrogar para 2021 as contas de 2020. Fíxoo a pesar de todos os grupos termos manifestado disposición ao diálogo e a pesar de os orzamentos de 2020 teren sido froito dun acordo, como tamén o Presco, neste último caso por parte de todas as forzas políticas con presenza na Corporación”, indica Jorquera.
O portavoz nacionalista avalía como positiva a “rectificación” do PSdeG e o seu retorno á letra do Acordo de Investidura. “Desde logo, por nós non vai quedar. Imos encarar a futura negociación dos orzamentos para 2022 cunha actitude esixente, mais coa mellor disposición, porque a cidade necesita unhas contas novas, adaptadas á actual situación, para seren eficaces e así faceren fronte á crise social e económica provocada pola Covid-19”, avanza.
Canto ao balance dos dous anos de mandato en María Pita feito onte pola alcaldesa, o portavoz do BNG reiterou as críticas xa formuladas pola nosa formación política nunha conferencia de prensa realizada a finais de maio: as debilidades do Goberno Local resúmense na falta dun proxecto de cidade claro, na ineficacia da xestión do día a día e na tendencia á inestabilidade institucional (con episodios como o cesamento da concelleira de Emprego Eva Martínez Acón ou as constantes mudanzas na área de Cultura, mesmo coa retirada de competencias ao concelleiro Jesús Celemín).
“En todo balance hai luces e sombras. É certo que hai obras na cidade e que se avanza nas peonalizacións, unha política da que o BNG é pioneiro, como se ve claramente en Pontevedra. Mais o conxunto non está á altura do proxecto transformador que necesita A Coruña e, alén diso, presenta aspectos preocupantes como un certo retorno ás políticas do pasado no urbanismo, como se ve coas Percebeiras ou na ambigüidade á hora de definir o futuro do peirao de San Diego”, conclúe Jorquera.