Para posibilitar un aloxamento ás persoas sen fogar nos meses de inverno

O Concello pon en marcha esta semana o Dispositivo de Frío

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salienta o reforzo dos servizos de atención a este colectivo –con recursos como o local de baixa esixencia, cuxa atención está en licitación para a súa posta en marcha en dous meses– e, en especial, ante fenómenos meteorolóxicos severos como os que se esperan as vindeiras xornadas

O Concello pon en marcha esta semana o Dispositivo de Frío
Silvia Cameán, concejala de Xustiza Social e Coidados
Silvia Cameán, concejala de Xustiza Social e Coidados

Concello da Coruña | 17/01/2017

O Concello, a través do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (Semus) en colaboración coa Cruz Vermella e coa ONG Accem, porá en marcha desde esta semana e durante o que queda de inverno un Dispositivo de Frío dirixido a persoas sen teito, co obxectivo de facilitar a aqueles cidadáns e cidadás en situación de especial vulnerabilidade a posibilidade de acceder a un aloxamento, así como a reducir a exposición deste colectivo ás condicións meteorolóxicas adversas, como as que se esperan pola a vaga de frío prevista para as vindeiras xornadas. Tal e como informa a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, o operativo, que funcionará de forma diaria -a través do dispositivo que pon en marcha Accem, que opera en días alternos cinco veces á semana, en coordinación cos do propio Semus, os martes e xoves, e de Cruz vermella, que duplica a súa presenza e realiza saídas nocturnas tamén en martes e xoves-, busca ter controlada as situacións destas persoas, especialmente aquelas que presentan maior risco para a saúde e a seguridade. Nel, os equipos organizarán as súas rutas distribuíndo a cidade por zonas, que percorrerán de forma diaria, podendo variar eses percorridos en función das necesidades e, ao tempo, deseñarán a atención individualizada cada persoa que se atopa na rúa, con obxectivo de manter unha intervención que permita dar alternativas a cada un destes veciños e veciñas, cunha adecuada distribución dos recursos dispoñibles. Do mesmo xeito, contactarase con entidades e servizos da cidade, para dar a coñecer este operativo e establecer pautas de coordinación e apoio.

"O obxectivo do dispositivo pasa por dar alternativas ás persoas sen teito durante este período especialmente duro para quen se atopa na rúa, como complemento a outros servizos que xa se prestan desde o Concello", destaca a concelleira, que alude ao proxecto municipal do local de baixa esixencia, dirixido a ampliar a cobertura a persoas sen teito, e do que avanza que ten en licitación o seu servizo de atención e poderá poñerse en marcha "no prazo de dous meses, de cara a poder proporcionar un reforzo moi importante á atención nocturna das persoas sen fogar que están en situación de marxinación ou exclusión social", e que polas súas características de desarraigo non fan uso doutros recursos sociais para pasar a noite. Como tamén fai notar a concelleira, o Goberno local incluíu no seu proxecto de Orzamentos para este ano un incremento de 100.000 euros para este servizo de baixa esixencia, ata os 257.000. Do mesmo xeito, o proxecto presupostario inclúe un novo convenio con Accem por importe de 15.000 euros para financiar o centro de día da cidade que atende a persoas sen teito, ademais dun convenio con Cruz Vermella para o Semus, cun importe de 89.0000 euros.

Por outra banda, e de cara ás previsións meteorolóxicas dos próximos días, os servizos de seguridade municipas dá a coñecer unha serie de recomendacións, dirixidas de forma especial a persoas maiores o con enfermidade crónicas, así como a nenos e nenas. Ante o descenso brusco de temperaturas previsto, o corpo municipal recomenda a estes colectivos non saír á rúa ou, de facelo, levar a indumentaria axeitada, coa cara, a cabeza os pes e as mans protexidos, e levando prendas de abrigo resistentes o vento e a humidade, pero non grosas, xa que, como indican, resulta máis conveniente levar prendas lixeiras superpostas e evitar a roupa axustada, para que circule o aire e que este actúe illante. Recoméndase tamén evitar a roupa húmida ou mollada, posto que esta arrefría o corpo rapidamente. Desde Protección Civil chámase tamén a extremar a precaución no caso de xeo nas rúas para evitar caída, evitando zonas en sombra. Igualemente, aconsellan non realizar exercicio físico en exceso á intemperie. En canto ás recomendacións no fogar, os servizos municipais recordan que non é aconsellable estar moito tempo sentado e piden evitar as correntes de aire ou perdas de calor por portas e fiestras, pechando as habitacións que non estean en uso. Igualmente chaman a usar con precaución os sistemas de calefacción como estufas de carbón ou gas para evitar intoxicacións.

O Concello pon en marcha esta semana o Dispositivo de Frío