Saúde
BNG denuncia a falta de pediatras en Monte Alto e Durmideiras en pleno brote do virus sincitial
Os centros de saúde de Monte Alto e Durmideiras levan varios días sen atención pediátrica en pleno brote do virus respiratorio sincitial, segundo denunciou o Bloque Nacionalista Galego (BNG). Esta situación afecta especialmente a dúas das zonas máis poboadas da cidade, que suman máis de 30.000 habitantes, e obriga as familias a desprazarse ao centro de saúde Abente y Lago ou ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, ambos xa saturados nesta época do ano.
A deputada do BNG Mercedes Queixas cualificou de “inaceptable” esta falta de profesionais e acusou o Goberno galego de “desleixo e ineficacia” na xestión sanitaria. “As familias non teñen por que pagar as consecuencias dunha Administración que non garante os recursos necesarios para atender as crianzas”, afirmou Queixas.
Ademais, Queixas destacou un dato alarmante: no centro de saúde de Durmideiras, as citas para atención pediátrica non estarán dispoñibles ata o 27 de xaneiro. Mentres tanto, a única solución ofrecida polo SERGAS consiste en derivar as urxencias e consultas ordinarias a outros centros, sen reforzar o persoal existente.
A deputada anunciou que xa rexistrou unha proposición non de lei e dúas preguntas orais no Parlamento galego para instar ao Goberno a garantir a atención pediátrica continuada en Monte Alto e Durmideiras. “É urxente que o PP rectifique e repoña os profesionais necesarios para evitar que esta situación se agrave”, concluíu.
A problemática sanitaria súmase a outras carencias denunciadas recentemente, como a falta de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos, o que, segundo o BNG, evidencia un abandono das políticas de apoio ás familias por parte da Xunta de Galicia.