idioma galego
O BNG insta ao Goberno Local da Coruña a desenvolver a Ordenanza do Galego ante o descenso de galegofalantes
A Coruña, 25 de outubro de 2024* - A área urbana da Coruña rexistra actualmente o maior descenso no número de persoas galegofalantes en toda Galiza, alcanzando tan só o 25% da poboación segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Este alarmante retroceso provocou que o BNG, a través da concelleira Mercedes Queixas, volva insistir no cumprimento da Ordenanza Reguladora do Galego, aprobada no 2021 polo Concello da Coruña, e que aínda non se desenvolveu en todo o seu potencial.
A Ordenanza Reguladora do Galego foi un avance crucial para a cidade, permitindo dotar a A Coruña dun marco normativo para o impulso e protección da lingua, algo do que xa dispoñían outras cidades galegas. Porén, a implementación efectiva desta normativa está aínda lonxe de materializarse. Entre os puntos que seguen pendentes atópanse a creación do Consello Local da Lingua, órgano encargado de avaliar o cumprimento da ordenanza, e a redacción dun Plan de Normalización Lingüística, ambos previstos na normativa aprobada.
A propia Queixas presentou xa en xaneiro deste ano unha moción no Pleno municipal para que se impulsasen estas dúas medidas no primeiro semestre de 2024, pero, malia contar coa aprobación unánime, non se rexistrou ningún avance. “É difícil entender como, máis de tres anos despois da aprobación da ordenanza, non se ten avanzado na elaboración dese plan nin na creación do Consello Local da Lingua. E, como é difícil de entender, cuestionamos o Goberno Local por que non cumpriu os acordos do Pleno de xaneiro”, sinala a concelleira.
Os datos do IGE alertan sobre un acelerado proceso de substitución lingüística, reflectido no aumento da poboación monolingüe en castelán, o que leva a Queixas a preguntar ao Goberno Local como avalía a perda de falantes de galego na área da Coruña e se considera que as accións levadas a cabo até o de agora tiveron algún efecto positivo.
Desde o BNG reclámase, en definitiva, unha resposta clara sobre o prazo para a posta en marcha do Plan de Normalización e para a creación do Consello Local da Lingua. A concelleira remarca que “a Ordenanza do Galego é unha ferramenta valiosa para frear ese proceso e para avanzar no camiño da normalización, mais para iso fai falta vontade política para desenvolvela”.