Transporte público

O BNG esixe explicacións ao PP pola súa negativa á prórroga das subvencións ao transporte público urbano da Coruña

A concelleira Avia Veira critica que o voto do PP no Congreso prexudica ás persoas máis vulnerables e denuncia a falta de compromiso coa mobilidade como dereito esencial.
O BNG esixe explicacións ao PP pola súa negativa á prórroga das subvencións ao transporte público urbano da Coruña

23 de xaneiro de 2025. A concelleira do BNG no Concello da Coruña, Avia Veira, reclamou explicacións ao Partido Popular coruñés polo seu voto en contra, este mércores no Congreso dos Deputados, da validación do decreto que prorrogaba as subvencións estatais ao transporte público urbano da cidade.

“Até agora, o Estado subvencionaba o 30% do billete do bus urbano. O 20% restante corría a cargo do Concello, mentres que a Xunta non poñía nin un euro. Isto demostra que o PP non ten entre as súas prioridades o fomento do transporte público”, denunciou Veira.

Coas subvencións, o prezo dunha viaxe en bus na Coruña, usando a aplicación do bus e a tarxeta Millennium, situábase en 38 céntimos, en 12 céntimos para a tarifa social destinada a persoas vulnerables e en 15 céntimos para universitarios. “E isto é o que o PP rexeitou onte no Congreso”, censurou a concelleira nacionalista.

Veira destacou que o BNG votou a favor da validación do decreto porque defenden a mobilidade como un dereito esencial. “O PP demostra día a día, coa súa xestión á fronte da Xunta, que non lle presta atención ao transporte metropolitano nin achega fondos ao transporte público urbano da nosa cidade. Se a Xunta colaborase, as coruñesas e os coruñeses poderían pagar aínda menos polo billete do bus”, argumentou.

Ademais, Veira acusou ao PP local de practicar unha política contraditoria: “De cando en vez vístense de populistas e esíxenlle ao Concello que invista en competencias que son da Xunta, pero logo, cando teñen que exercer as súas responsabilidades ou votar en institucións como o Congreso, actúan contra os intereses da maioría da sociedade. Onte amosaron a súa verdadeira cara ao votar contra un dereito elemental e básico”, asegurou.

A concelleira concluíu reafirmando o compromiso do BNG coa mobilidade como dereito básico. “Imos seguir a defender máis transporte público a prezos accesibles, con mellores prestacións, máis frecuencias e horarios, ao servizo das maiorías sociais do noso país, tanto no Concello como no Parlamento galego e no Congreso”.

O BNG esixe explicacións ao PP pola súa negativa á prórroga das subvencións ao transporte público urbano da Coruña