CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 17

Pandemonio

O Dépor volve regalar dous goles e 45 minutos antes de sumar outro empate que fai bos os dous anteriores. Con 38 puntos e oito xornadas por diante, segue na pelexa pola permanencia.

Pandemonio
Depor.Raio (1)
Peru, lesionado onte, podería causar baixa nas seguintes xornadas. @RCD

Fútbol é fútbol, que dicía Boskov, e detrás da tautoloxía está a lóxica interna dun xogo que ten os seus propios camiños sempre máis pegados aos da vida gobernada polos elementos (o fogo, a auga...) que á economía, que é unha ciencia da eficiencia. 

Fernando Vázquez imaxina partidos porque esa é parte da labor do adestrador: a planificación. Pero como el mesmo recoñeceu onte, o plan, perfecto no papel, pode fracasar en canto aterra na herba. “Non acertei. Non sei se foi na estrutura de equipo, na elección de futbolistas ou incluso no plan de partido que propuxen”.

O fútbol tampouco é ciencia por moito que se empeñe o regulamento en codificar que un deportista ten que saltar sempre cos brazos pegados ao corpo, porque non é natural.

O fútbol é fútbol porque as veces os erros axitan xogadores e aparecen combinacións inesperadas. Caer e levantarse, como dixo o propio Vázquez na rolda de prensa posterior ao partido de onte, un 3-3 en Riazor diante dun rival, o Raio, que foi o convidado noutra tarde de pandemonio branquiazul, un equipo que se busca a si mesmo, que nun intre é ar, ao minuto seguinte, terra; despois fogo, inmediatamente auga...

Nesas anda o Dépor post-covid: buscándose. 

Busca Vázquez no papel, busca liñas, xogadores (xa utilizou todos, agás os porteiros suplentes). Busca e un día, coma onte, topa a Çolak para medio partido e o Dépor remonta no peor dos escenarios posíbeis. Aparece Uche que non ten medo e xa ten folgos para botar a áncora no medio campo e ordenar o equipo. Aparece Hugo Vallejo para darlle sentido a posición de extremo e aparece Mollejo, que nunca se agocha nin cando erra como un xuvenil (é un xuvenil). Vallejo e Mollejo fixeron un gol fermoso. Extremo, pase ao primeiro pau, remate e gol.

Equipo largo

O plan inicial de Vázquez, un 4-2-3-1, cunha presión moi adiantada, non funcionou porque foi un equipo largo, con liñas moi separadas que permitía un partido de ida e volta no que o Raio se topou cómodo. Fixo dous goles e todo o xogo de área da primeira parte. Aos vinte minutos, tras o erro de Mollejo no 0-2, o Dépor pareceu afundir.

Vázquez corrixiu axiña atrasando a Bergantiños para formar unha liña de tres centrais e parou a ofensiva do Raio. Mais cara adiante, por moito que se multiplicase Aketxe, deu a impresión de que cada quen facía a guerra pola súa conta. 

Recosida a defensa, faltaba axustar o ataque. Fíxoo Vázquez cunha desas intervencións que agora permiten os cinco cambios. Colocou a Eneko na liña de tres centrais e a Mollejo no carril esquerdo, deu entrada a Çolak, cambiou Keko por Vallejo e colocou Santos como punta. 

O mellor Dépor é o que se agrupa ao redor de Çolak cando o turco ten a tarde. Cando iso sucede, aparece o mellor Aketxe, o mellor Mollejo, o equipo manexa o entrexogo e velocidades distintas, pisa área e ten gol. 

Equipo xunto

O debuxo volveu o 5-3-2 co que Vázquez arrancou hai oito días esta nova Liga. O Dépor adiantou liñas e cando o Raio puido entender que estaba diante doutro rival, Santos e Mollejo xa empataran o partido.

O mellor Dépor é o que se agrupa ao redor de Çolak cando o turco ten a tarde. Cando iso sucede, aparece o mellor Aketxe, o mellor Mollejo, o equipo manexa o entrexogo e velocidades distintas, pisa área e ten gol. 

O 3-3 deixou unha sensación mala. Porque o Dépor leva moitos partidos sen ganar e necesita sumar vitorias para limitar a ansiedade. Tamén foi mala porque despois da remontada, un último erro provocou o empate. Así que ao final, todos, adestrador e xogadores, vían o copo medio baleiro.

Pero o copo está tamén medio cheo. Apareceu por fin Uche. Despexouse unha das incógnitas neste pandemonio: vai haber que apostar pola liña de tres centrais e dous carrileiros, entre outras cousas, porque non hai defensas que defendan unha liña de catro. O equipo ten gol (e teno repartido). O equipo ten carácter para vogar contra corrente. O adestrador ten recursos tácticos e axilidade para aplicalos. Ten ademais a todo o plantel implicado.

Só falta que iso funcione desde o minuto 1, que todo iso se xunte ao principio, antes de pisar a herba, para que o plan funcione e se viva esta improbábel remontada con menos ansiedade. Dos erros apréndese, avisa Vázquez. E con partidos tan seguidos non hai tempo de laiarse. O Dépor será necesariamente mellor en Elxe, porque o fútbol é fútbol e a lóxica di que este equipo está crecendo a golpes, como un adolescente, liderado desde a banda por un técnico 'adolescente', que goza xogando cos deuses que xa teñen marcado o destino desta Liga... E nós, tratando de adiviñalo.

A ficha do partido 

Pandemonio