acordos municipais

En resposta á alcaldesa, Jorquera afirma que o BNG dedicou todo o pleno a explicar a súa posición e avanza a convocatoria este xoves dun acto público aberto a toda a cidadanía

“Se a alcaldesa quere asistir e mesmo formular preguntas, por nós encantados”

O terceiro FÍO DIRECTO CO BNG vai ter lugar este xoves no Hotel Riazor (19 h)

 

En resposta á alcaldesa, Jorquera afirma que o BNG dedicou todo o pleno a explicar a súa posición e avanza a convocatoria este xoves dun acto público aberto a toda a cidadanía

A Coruña, a 20 de novembro de 2024. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, sae ao paso das declaracións realizadas onte pola alcaldesa a respecto do anuncio feito polo grupo municipal nacionalista sobre os orzamentos para 2025.

Perante a afirmación da alcaldesa segundo a cal o BNG tenlle que explicar á cidadanía as razóns polas cales non vai negociar os orzamentos de 2025, Jorquera responde: “Dedicamos practicamente toda a sesión plenaria do pasado luns a explicar a nosa posición. Lamentamos, iso si, que, contra o que é costume, non funcionase o streaming e non houbese retransmisión en directo do Pleno, o que lle impediu á veciñanza acompañar o desenvolvemento íntegro da sesión e escoitar as explicacións do BNG”.

Mais a veciñanza vai ter oportunidade de intercambiar impresións co BNG no acto público que a formación nacionalista convoca para este xoves. Será o terceiro dos encontros que, baixo o rótulo FÍO DIRECTO, organiza o BNG desde o comezo deste mandato e vai ter lugar no Salón Enseada do Hotel Riazor a partir das 19 horas.

“É un acto aberto público a todas as coruñesas e coruñeses”, dixo Jorquera, a quen lle parecería espléndido que se animase a propia alcaldesa a participar. “Se quere asistir e mesmo formular preguntas, por nós encantados”, dixo. 

Sobre a interpretación que nos medios se ten dado de que a alcaldesa vai tomar o mando ante a nova situación no Concello, Jorquera ironiza: “Eu pensei que o mando xa o tiña”.

E nese sentido, “e con todo o respecto que a señora Inés Rey me merece”, o portavoz nacionalista estendeuse: “Un dos problemas deste Goberno Local é que a alcaldesa ocupa practicamente toda a axenda na relación pública, e ese é sen dúbida un aspecto fundamental no labor dunha alcaldesa, pero ten moi descoidado o día a día do Concello”.

En resposta á alcaldesa, Jorquera afirma que o BNG dedicou todo o pleno a explicar a súa posición e avanza a convocatoria este xoves dun acto público aberto a toda a cidadanía