Dependencia e Discapacidade

Nace a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (#ASGADeD) para loitar contra a precarización dos servizos sociais

Este mércores 26 de febreiro terá lugar en Portas Ártabras (A Coruña) a presentación da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (#ASGADeD). Integrada por persoas de diversas contornas sociais e profesionais, a asociación nace co obxectivo de mobilizar á sociedade galega e reivindicar un sistema de servizos sociais públicos, de calidade e 100% públicos para as persoas dependentes e con discapacidade.  
Nace a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (#ASGADeD) para loitar contra a precarización dos servizos sociais
ASGADeD
ASGADeD

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (#ASGADeD) presentarase oficialmente este mércores 26 de febreiro ás 19.30 horas no local de Portas Ártabras, en A Coruña. Esta nova organización, formada por persoas de diversos ámbitos sociais e profesionais, nace coa finalidade de loitar contra as estratexias da Xunta de Galicia que, segundo denuncian, están a converter o Sistema Público Galego de Dependencia nun sistema de beneficencia "low cost", precarizando os servizos e deixando desprotexidas ás persoas máis vulnerables.  

A #ASGADeD ten como obxectivo principal avanzar na construción dun movemento social amplo, plural e transversal que mobilize á sociedade galega e exixa ás administracións públicas un compromiso real para garantir uns servizos sociais de calidade. Estes servizos deben cubrir as necesidades reais das persoas dependentes e con discapacidade, e caracterizarse por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.  

A asociación defende que "sen coidados non hai dignidade" e reivindica a necesidade de priorizar as políticas sociais que poñan no centro ás persoas e as súas necesidades. A presentación do mércores será un espazo para explicar os obxectivos e as loitas da #ASGADeD, así como para convidar á cidadanía a sumarse a esta iniciativa colectiva.  

A través do seu lema "#XuntasSomosMáisFortes", a asociación busca crear unha rede de apoio e solidariedade que faga fronte ás políticas que precarizan os servizos sociais e deixan atrás ás persoas máis vulnerables. Ademais, a #ASGADeD inclúe na súa loita a defensa do medio rural vivo, xa que moitas persoas dependentes e con discapacidade residen en zonas rurais, onde o acceso a servizos sociais de calidade é aínda máis limitado.  

Para máis información sobre a asociación e as súas iniciativas, pódese consultar a súa páxina web: https://asgaded.gal. A presentación deste mércores é unha oportunidade para coñecer de primeira man esta nova organización e sumarse á loita por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade para todas as persoas.  

#SenCoidadosNonHaiDignidade  

#XuntasSomosMáisFortes  

#LoitasPolaVida  

#MedioRuralVivo

Nace a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (#ASGADeD) para loitar contra a precarización dos servizos sociais