XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa
Acción contra el odio, Khadija Amin, 'Haaretz' e o Sindicato de Xornalistas Palestinos optan ao XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

As candidatas e candidatos foron propostos polas colexiadas e colexiados do CPXG ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación como recoñecemento ao seu papel na defensa da liberdade de prensa. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG ata as 14.00 horas do xoves 10 de abril.
Sobre as candidaturas
Acción contra el odio é unha plataforma cívica creada en 2024 para defender unha esfera pública libre de mentiras, difamacións e ameazas. Con varios xornalistas como fundadoras e fundadores, entre os obxectivos do proxecto están detectar ataques contra o dereito á información, reportar a difusión de mentiras e a desinformación e promover campañas de apoio a xornalistas que poidan ser procesados por publicar investigacións ou noticias veraces.
Khadija Amin é unha xornalista afgá refuxiada en España desde agosto de 2021, cando os talibáns asaltaron o poder en Afganistán. Antes diso, Amin era a cara visible dos informativos matinais da televisión pública afgá, onde traballaba como presentadora e reporteira. O mesmo día que os talibáns entraron en Kabul, Amin saíu por última vez na pantalla e foi expulsada. Unha semana despois fuxía a España evacuada polas forzas aéreas españolas desprazadas no país.
Con máis de cen anos, Haaretz é un dos xornais máis antigos e máis influentes de Israel. Malia ás críticas e o entorno propicio á polarización, soubo manterse firme na defensa dos dereitos humanos, da liberdade de expresión e da integridade do xornalismo, converténdose con iso nun referente a nivel mundial tanto na cobertura do conflito palestino-israelí como na exposición de inxustizas e corrupción.
Fundado en 1979, o Sindicato de Xornalistas Palestinos é a organización que representa os e as profesionais da información dese país, tanto se traballan dentro como na diáspora. Nun contexto de violencia extrema, represión e censura, especialmente preocupante desde outubro do 2023, o sindicato constitúe un bastión na loita pola liberdade de información e a protección dos profesionais da comunicación en Palestina.
As votacións
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 10 de abril, identificándose co seu usuario e contrasinal a través da web do premio. Este proceso será recollido en acta polo secretario do premio, avalado por unha notaría e darase a coñecer publicamente.
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recolle o legado do Premio José Couso, organizado polo Colexio de Xornalistas e Club de Prensa de Ferrol, logo de que no 2024 a familia Couso Permuy solicitara que se retirase o nome do camarógrafo ferrolán do galardón.
As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).