vivenda
A Coruña móvese pola vivenda: manifestación estatal o 5 de abril

A Coruña sumarase o próximo 5 de abril á Manifestación Estatal pola Vivenda, unha convocatoria que se celebrará simultaneamente en múltiples cidades do Estado. A mobilización na cidade está a ser impulsada por un grupo aberto de veciñas dinamizado polo Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos, que xa celebrou tres xuntanzas de traballo no centro social A Revolteira.
A manifestación, que partirá ás 12:00 horas da Praza de Ourense, ten como obxectivo denunciar a crise da vivenda, un problema estrutural que afecta a miles de persoas na cidade e no resto do Estado. A falta de acceso a unha vivenda digna, os desafiuzamentos, os alugueiros abusivos e a especulación urbanística son algunhas das razóns que motivan esta mobilización.
Unha convocatoria cidadá
Na última xuntanza, celebrada o pasado martes 18 de marzo, o grupo organizador decidiu convocar a todos os colectivos de base da cidade para sumarse á mobilización, optando por non invitar formalmente aos partidos políticos. Esta decisión responde ao carácter cidadá da convocatoria, aínda que os partidos poderán sumarse á marcha, situándose á cola da manifestación.
Outra das decisións acordadas foi levar unha faixa sen asinar na cabeceira da manifestación, mentres que o manifesto que se presentará irá asinado por todos os colectivos que apoian a mobilización. A organización coruñesa mantén unha estreita coordinación coa rede estatal de colectivos pola vivenda e coa rede galega, na que participan a Xuntanza pola Vivenda de Compostela e o Sindicato de Inquilinas de Vigo.
Un chamamento á participación
O grupo organizador fai un chamamento á cidadanía da Coruña a sumarse a esta mobilización histórica e a participar activamente na loita por un dereito básico como é a vivenda. “A crise da vivenda esixe unha resposta colectiva e firme”, destacan desde o Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos.
Próximos pasos
A seguinte xuntanza de organización terá lugar o martes 25 de marzo, ás 18:00 horas, no centro social A Revolteira (rúa Falperra, nº13). A participación segue sendo aberta a todas as persoas interesadas en sumarse ao proceso organizativo.
Máis información e contacto
Para sumarte á organización da manifestación ou coñecer máis sobre o traballo do Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos, podes escribir a [email protected] ou seguir as actualizacións no seu perfil de Instagram @sindicato.falperra.osmallos.
Tamén podes consultar o manifesto do Sindicato na súa páxina: [https://revolteira.gal/sindi].
Máis información sobre a convocatoria estatal: [www.acabemosconelnegocio.es](http://www.acabemosconelnegocio.es).
A vivenda é un dereito, non un negocio!