Eólicas

O TSXG suspende cautelarmente o Polígono Eólico Valdepereira a instancias de ADEGA

A proximidade á Rede Natura e as afeccións sobre a avifauna protexida motivan a paralización cautelar. Segundo o Alto Tribunal, o proxecto podería causar danos irreparables ao medio ambiente, prevalecendo así o interese ecolóxico sobre o económico.
O TSXG suspende cautelarmente o Polígono Eólico Valdepereira a instancias de ADEGA
unnamed int
Valdepereira

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu a petición de ADEGA e ordenou a paralización cautelar do proxecto eólico Valdepereira, promovido por Aerogeneración Galicia S.L. en Lalín e O Irixo. Esta decisión, datada o 9 de xullo, suspende a autorización do proxecto que contempla a instalación de seis aeroxeradores de 180 metros de altura, cunha potencia total de 24 MW. A resolución tamén afecta á liña de evacuación compartida con outros parques, como o Pico Seco, xa paralizado polo mesmo tribunal.

O TSXG destacou a potencialidade de danos irreparables sobre especies protexidas de aves e hábitats naturais, debido á proximidade das instalacións á Rede Natura. Entre as especies afectadas inclúense a gatafornela e o millafre real, en situación de "Perigo de Extinción". Dous aeroxeradores estarían situados a menos dun quilómetro deste espazo natural, pondo en risco a integridade da paisaxe e dos ecosistemas.

Na súa resolución, o tribunal enfatizou a primacía do interese ambiental sobre o económico, citando ao Tribunal Constitucional que define o interese ecolóxico como preferente. A execución do proxecto podería implicar consecuencias financeiras graves para a administración, como a demolición das infraestruturas e indemnizacións ao promotor.

A campaña solidariaTi Podes Paralos!” permitiu a ADEGA interpoñer o recurso contencioso-administrativo, grazas ao apoio de persoas e colectivos como Viarum Dezae e Roteiros de Lalín. Esta acción é parte dunha serie de 15 suspensións cautelares de proxectos eólicos, presentadas pola organización ecoloxista, que continúa na súa loita por protexer o medio ambiente galego.

O TSXG suspende cautelarmente o Polígono Eólico Valdepereira a instancias de ADEGA