medio ambiente
ADEGA e Viaqua unen forzas para concienciar ao alumnado galego sobre a importancia da auga

Santiago de Compostela, martes 18 de marzo de 2025. Ás portas do Día Mundial da Auga, que se celebra o próximo sábado 22 de marzo, a organización ecoloxista ADEGA e a empresa **Viaqua iniciaron unha colaboración para impulsar a educación ambiental sobre o ciclo integral da auga en centros escolares de toda Galicia. A través do programa Aqualoxía, promovido por Viaqua, preténdese concienciar ao alumnado de 3º de primaria sobre a importancia da auga, a súa sustentabilidade e a necesidade de coidar das contornas naturais.
A primeira actividade tivo lugar hoxe no CEIP Plurilingüe Mestre Xixirei, en Santiago de Compostela. Mediante experimentos prácticos, retos e xogos, os personaxes de Aqualoxía interactuaron coa cativada para explicarlles o funcionamento do ciclo integral da auga e os desafíos que implica a xestión das estacións de tratamento que garanten unha auga limpa e segura.
Educación ambiental para un futuro sustentable
Desde ADEGA destacaron a importancia desta colaboración, que busca prolongarse no tempo para fomentar hábitos de consumo responsable da auga entre a mocidade galega. Itziar Díaz, responsable do proxecto en ADEGA, subliñou que a educación ambiental é "unha ferramenta imprescindible" para que a cidadanía teña a información e os recursos necesarios para preservar o medio ambiente. "A través deste programa, daremos a coñecer á cativada os mellores hábitos que debemos adoptar na nosa vida cotiá para manter en bo estado un recurso tan importante", afirmou.
Pola súa parte, o director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís, destacou que “o futuro da auga tamén depende da educación das xeracións máis novas. Para Viaqua é unha satisfacción contar con ADEGA para levar o programa Aqualoxía a centros escolares de toda Galicia. Queremos achegarlles aos nenos e nenas a importancia do ciclo integral da auga dun xeito práctico e divertido, para que comprendan a relevancia de coidar este recurso esencial e o medio que nos rodea".
Máis de 80 actividades de educación ambiental
Grazas ao convenio asinado entre ambas entidades, a equipa de educación ambiental de ADEGA impartirá un total de 86 actividades con enfoque didáctico, dixital e interactivo. O programa inclúe xogos, experimentos e retos adaptados ao currículo escolar, nos que se explica como chega a auga ás nosas casas, os tratamentos que se realizan para potabilizala e os procesos necesarios para devolvela ao medio natural sen causar dano ambiental. Ademais, tamén se abordarán temas como a sustentabilidade e o cambio climático.
O programa Aqualoxía está aberto á participación de centros educativos dos concellos nos que Viaqua é a concesionaria do servizo de auga. As actividades son totalmente gratuítas e os centros interesados aínda poden inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 722 230 663.
Este ano, Viaqua celebra o décimo aniversario de Aqualoxía, un programa que xa formou a milleiros de escolares galegos sobre a relevancia da auga e a necesidade de coidar este recurso vital. Unha iniciativa que segue a crecer e a concienciar ás futuras xeracións sobre a importancia de preservar o noso planeta.