Valoración a respecto da actuación municipal no barrio Agra do Orzán
A valoración que podemos facer a respecto da intervención municipal no barrio, desde a toma de posesión do novo goberno municipal, ten que ser, sen lugar a dúbidas, negativa.
Dicimos isto en función das inversións realizadas no barrio e tendo en conta as necesidades existentes que, reiteradamente, esta Asociación Veciñal vén poñendo en coñecemento do Concello cada ano, polo mes de outubro.
Atopámonos así con que, diante das nosas demandas, arranxáronse as rúas:
- Vila de Negreira (no seu tramo norte).
- Gil Vicente (as beirarrúas).
- Meira.
- Luís de Camoes (as beirarrúas).
- Páramo (en execución).
Isto, xunto con outros arranxos menores, supón unha inversión de 682.082€ (son datos do Concello) ao longo de dous anos e medio. Redondeando en 800.000€ ao descoñecermos o gasto na R/Páramo, atopámonos con que a inversión anual foi de 320.000€. Cifra esta que, tendo en conta as necesidades do barrio, é ridícula e lévanos a pensar que os nosos problemas serán eternos, mentres non chegue ao goberno municipal unha corporación que entenda que a débeda do Concello con este barrio é millonaria, e que é imprescindible un trato “preferente” para dovolvernos a dignidade que, desde a nosa configuración como barrio, se nos nega.
Nun recente traballo encargado polo Concello (polo que supoñemos non se pode alegar descoñecemento do tema) aparece un dato incontestable a respecto da “calidade de vida” con que se nos foi agasallando desde as sucesivas planificacións urbanísticas municipais:
- Zonas verdes no barrio: ningunha que se poida considerar como tal.
- Zonas de lecer como espazos de uso público: R/ Barcelona e Praza das Cunchiñas (3,52% da superficie do barrio).
Podemos preguntar en que outro barrio da cidade se dan estes números?
Cando desde a Asociación Veciñal reivindicamos a execución, libre de edificacións, do Parque do Observatorio, estamos a pedir algo que sexa innecesario e un luxo para este barrio?
Por todo isto e por moitas máis necesidades a respecto de renovación de rúas e beirarrúas, mantemento, limpeza, iluminación, mobilidade…, a valoración da actuación municipal temos que a calificar como negativa e decepcionante.
Seguiremos co noso labor de esixir xestión reparadora e digna para este barrio e gardamos a esperanza de vermos mudar a situación actual.