Bordo litoral

Avaliación do BNG sobre a cimeira das administracións arredor do futuro do Porto da Coruña

A expensas de ter un coñecemento máis polo miúdo do contido da cimeira das distintas administracións públicas arredor do futuro do porto da Coruña realizada esta mañá no Pazo de María Pita, o grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación de urxencia

Avaliación do BNG sobre a cimeira das administracións arredor do futuro do Porto da Coruña
BNG
Jorquera e Veira. Imaxe do BNG
  1. Valoramos positivamente que se considere obsoleto e inaplicábel o convenio asinado en 2004 pola Xunta da Galiza (polo daquela conselleiro Núñez Feijóo), o Ministerio de Fomento (polo daquela ministro Álvarez Cascos) e o Concello da Coruña (polo daquela alcalde Francisco Vázquez). O convenio abría a billa á que se especulase con terreos que deben reverter ao patrimonio público da cidade e que deben en todo momento conservar a súa condición de solo público.
  2. Xulgamos impresentábel que o Goberno do Estado se enroque na súa oposición á condonación da débeda que pesa sobre o porto coruñés pola construción da dársena exterior. É impresentábel que se diga que non existe ningunha opción de condonación, cando si se liquidou o débito no porto de Valéncia, e tamén lamentamos que non se poña sobre a mesa como alternativa, tal e como defendeu o BNG na tramitación dos orzamentos xerais do Estado, o investimento por parte da Administración central na ordenación urbana dos terreos do porto interior por unha cantidade equivalente (200 millóns de euros) á débeda da Autoridade Portuaria con Portos do Estado. Que na propia sede do Concello da Coruña o presidente desta entidade diga que “de condonación non falamos, é imposíbel” parécenos dunha arrogancia política que non é de recibo.
    O problema non se arranxa cunha reestruturación da débeda até 2035 e o feito de que se vincule esta cos activos do porto significa que se mantén na mente do Estado a idea de especular cos terreos.
  3. É mágoa que a reunión non servise para poñer na axenda, cun calendario preciso, a construción do enlace ferroviario con Punta Langosteira. É especialmente preocupante que o Goberno do Estado deite dúbidas sobre a viabilidade do proxecto para optar a fondos europeos. Non pode ser que por unha banda se rexeiten as emendas do BNG aos orzamentos do Estado para financiar esta obra de titularidade estatal (a diferenza do que se fixo co enlace ferroviario de Castelló) e ao mesmo tempo se expresen reservas sobre o financiamento europeo. A conclusión é que para o Goberno do Estado non estamos ante unha obra prioritaria, cando si o é: sen ela é imposíbel completar o traslado de actividades á dársena exterior e acometer a transformación dos terreos do porto interior.
  4. Parécenos hipócrita a posición expresada polo goberno da Xunta. O PP cualifica agora de decepcionante que o Goberno do Estado se negue a condonar a débeda, mais os gobernos de Mariano Raxoi en ningún momento mostraron a menor disposición a liquidala. Por outra banda, continúa pendente de materialización o compromiso do Goberno Feixóo, asinado en 2018, de achegar 20 millóns de euros para a transformación de Batería e Calvo Sotelo.
  5. 5.-Avaliamos positivamente o clima de diálogo entre as distintas administracións, a mera realización desta cimeira parécenos unha boa noticia, mais non podemos deixar de consignar que os escasos resultados alcanzados nesta xuntanza mostran que as xestións feitas polo Goberno Local presidido por Inés Rey non acaban de cristalizar en logros para a cidade.

 

Avaliación do BNG sobre a cimeira das administracións arredor do futuro do Porto da Coruña