Medio ambiente
O BNG atenderá as demandas dos traballadores de Albada nas condicións do próximo prego da concesión
Francisco Jorquera volve insistir na necesidade de abordar as remunicipalizacións de servizos municipais básicos
A Coruña, 17 de abril.- “Apoiaremos as peticións das traballadoras e traballadores para que o futuro prego da concesión impida desagregar persoal e garanta a transparencia nas contas”, aseverou este mércores Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, despois de manter unha reunión co comité de empresa de Albada e representantes sindicais, na que estivo acompañado por Avia Veira, a número dous do BNG na Coruña.
Ademais, os membros do comité volveron pór de manifesto nesta xuntanza a súa preocupación polos continuos aprazamentos na negociación dun convenio colectivo con Albada que caducou no 2017 e declararon o seu malestar pola negativa do goberno municipal a mediar no conflito, como xa fixeran a pasada semana cunha concentración en María Pita. “Desde o BNG pedimos que o goberno medie, como xa o pedimos cando o anterior goberno do PP se negou a sentarse coas partes”, recordou Jorquera, e insistiu en que “en servizos esenciais como este, a intención do BNG no caso de alcanzar responsabilidades de goberno é estudar a remunicipalización do servizo para, entre outras cuestións, garantir unhas condicións dignas de traballo nas empresas que prestan servizo aos cidadáns”.
As nacionalistas lembran que a concesión a Albada do servizo de tratamento de residuos na planta de Nostián remata en xaneiro do próximo ano sen que, polo momento, haxa consenso entre o goberno municipal e as traballadoras e traballadores das condicións a incluír no próximo prego, que agora mesmo é un anteproxecto.