Mariscadoras

O BNG presenta novas iniciativas para apoiar aos mariscadores da Ría do Burgo

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou hoxe en A Coruña unha serie de iniciativas parlamentares destinadas a garantir axudas para os mariscadores da Ría do Burgo, que seguen sen poder faenar após a dragaxe debido a que o marisco aínda non acadou a talla mínima para a súa comercialización. Ademais, o BNG esixe que se cumpra co compromiso de sementar as unidades de ameixa fina previstas no proxecto de rexeneración da ría.
O BNG presenta novas iniciativas para apoiar aos mariscadores da Ría do Burgo
Encontro BNG cos mariscadores da Ría do Burgo
Encontro BNG cos mariscadores da Ría do Burgo

A Coruña, 27 de agosto de 2024. Rego subliñou que "esixiremos o estrito cumprimento do proxecto no que ten a ver coa sementeira das unidades de ameixa fina", facendo fincapé en que, segundo os datos fornecidos polo colectivo de mariscadores, apenas se sementou o 1% da ameixa fina comprometida. Este tipo de ameixa é a máis valorada e outorga un maior rendemento económico aos traballadores do sector.

As declaracións do portavoz nacionalista tiveron lugar despois dun encontro mantido polo BNG co colectivo de mariscadores na sede da Confraría de Pescadores da Coruña, no porto de Oza. Na reunión tamén participaron a deputada Iria Taibo e os portavoces do BNG na Coruña e Culleredo, Francisco Jorquera e Tono Chouciño, xunto cos concelleiros Brais Cubeiro e Xabier Villarrenara, de Cambre e Culleredo, respectivamente.

Preocupacións do colectivo e resposta do Estado

O principal problema que enfrontan os mariscadores é que non poden faenar e, ao mesmo tempo, non reciben as axudas ás que terían dereito. A Declaración de Impacto Ambiental da dragaxe estimaba que serían precisos entre 18 e 24 meses para que o marisco alcanzase a talla mínima para a súa comercialización tras a sementeira. Rego destacou que, a pesar de que o secretario de Estado do Ministerio de Transición Ecolóxica, Hugo Morán, admitiu que era razoable conceder estas axudas, o Estado non as outorga, alegando que as competencias en materia marisqueira corresponden á Xunta.

Ademais das axudas pendentes por tamaño insuficiente do marisco, o BNG tamén demanda o pago das mensualidades de febreiro, marzo e abril, período no que se realizou a dragaxe. Rego insistiu na necesidade de que o Goberno central revise as deficiencias detectadas polos mariscadores tras as obras, xa que informes indican que a dragaxe reduciu un 40% do potencial extractivo do banco marisqueiro do Carniceiro.

Accións futuras do BNG

O BNG reclama a concesión inmediata das axudas pendentes e insta ao Goberno a revisar os danos causados pola dragaxe. "Imos reclamar que se revise esa afectación", asegurou Rego, quen lembrou que o BNG celebrou no seu momento a rexeneración da Ría grazas á presión social e política, pero advertiu que "as obras teñen que facerse ben". Tras o encontro na Confraría, Rego acompañou os mariscadores na súa protesta coa interrupción do tráfico na Ponte Pasaxe.

O BNG presenta novas iniciativas para apoiar aos mariscadores da Ría do Burgo