Ampliación do CHUAC
Goberno da Coruña e Consellería de Sanidade coordinarán esforzos na ampliación do CHUAC
O alcalde, que esta tarde se reuniu co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, destacou que a vontade de colaboración do Concello “é toda, tendo en conta que o crecemento do complexo hospitalario é un asunto de grande importancia para a cidade e a súa área metropolitana, ademais dunha oportunidade tanto para o sector sanitario como para a Universidade”
A Coruña, 24 de outubro de 2018.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta tarde co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, co que acordou a creación dunha comisión bilateral entre as dúas administracións que faga seguimento desde o primeiro momento do proceso de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (Chuac).
O rexedor considerou precisa a constitución inmediata dun equipo de traballo que poida “avaliar o progreso, dende os estadios iniciais nos que se atopa, e manter a coordinación ante unha proposta que pode ter moita relevancia para o sistema sanitario da cidade pero tamén para outros sectores como o da investigación ou o universitario”. Na xuntanza deuse xa o primeiro paso para a constitución deste órgano, que consistiu en designar ao concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, e ao director xerente do Chuac, Luis Verde, como responsables da activación dunha comisión que tamén deberá dar cabida ao sentir dos sectores do ámbito sanitario, a Universidade e á propia cidadanía, no avance do proxecto de ampliación do complexo sanitario.
A delegación coruñesa, na que, ademais do alcalde e o concelleiro Varela se atopaba a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, puxo de relevo que tanto Concello como Xunta comparten “filosofía e obxectivos con este proxecto”. “A nosa colaboración e cooperación será a máxima, xa desde este estadio incipiente do proxecto, coma sempre que falamos dun asunto de cidade. A ampliación do Chuac é un tema de grande importancia polo servizo que presta o equipamento, tanto á Coruña como á área metropolitana en tanto a área sanitaria que abrangue”, comentou o primeiro edil, que fixo fincapé nas “oportunidades que supón para o sector sanitario e para a Universidade da Coruña (UDC), neste caso dende o punto de vista da investigación”. Así, no marco da xuntanza, tanto representantes do Concello como da Xunta trazaron unha primeira panorámica sobre as posibilidades de crecemento do complexo hospitalario.