Pleno municipal

Cambio de cualificación do solo de La Solana que volve a ser público

Arsenio Iglesias, Fillo Adoptivo da cidade por unamimidade da Corporación que tamén tomou coñecemento da renuncia de Beatriz Mato como concelleira do Partido Popular. O Goberno local creará no segundo trimestre do 2020 un banco de instrumentos para facilitar que a mocidade que desexe iniciarse nos estudos musicais poidan facelo independentemente da súa renda familiar.
Cambio de cualificación do solo de La Solana que volve a ser público
Pleno municipal 16 de xaneiro
Pleno municipal 16 de xaneiro

A Coruña, 16 de xaneiro de 2020.- O pleno aprobou cos votos a favor de todos os grupos políticos a modificación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, para cambiar a cualificación do solo do complexo deportivo de La Solana. A aprobación da nova cualificación suporá que La Solana figure como solo dotacional público en lugar de solo dotacional privado.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que a titularidade do solo foi sempre pública e que o cambio que se levou a cabo no PXOM do 2013 foi "un erro do PP que agora se vai subsanar e que supuxo a tramitación de innumerables informes innecesarios". O responsable de Urbanismo subliñou que a modificación é "un símbolo da defensa do interese público, devolvemos á cidadania os terreos de La Solana"

A modificación puntual, explicou o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, ten como finalidade o cambio de cualificación urbanística outorgada polo plan xeral á parcela, "de sistema local de espazos libres, parque deportivo, de titularidade privada á de sistema xeral de espazos libres, parque deportivo, de titularidade pública" ao tratarse dunha dotación ao servizo da poboación de todo o termo municipal, e non só do barrio no que xeograficamente está inserido.

A xustificación da modificación proposta fundaméntase, apuntou, na política municipal de garantir a titularidade pública de espazos libres e equipamentos, vinculada ao principio xurisprudencial de "non regresión".

Deste xeito, o equipo de goberno condiciona a futura venda do solo onde se sitúa o complexo deportivo. O Concello non renuncia a facerse con ese solo, a través da venda directa entre administracións, mantendo o seu uso deportivo, subliñou o edil. Nesta liña, aposta polo diálogo con outras administracións para poder levar adiante a transfomación da fachada marítima da cidade, que debe liderar o proceso.

Doutra banda, a Corporación aprobou por unanimidade o nomeamento de Arsenio Iglesias como Fillo Adoptivo da cidade polos seus méritos como xogador e adestrador e por representar o espírito de club Deportivo, así como a súa categoría como persoa, ademais de ser embaixador da nosa cidade en todo o mundo. O deportivista tamén dará nome a unha rúa e a Cidade Deportiva da Torre pasará a denominarse Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias. Todos os voceiros eloxiaron a figura de Arsenio como deportivista e como persoa e tiveron palabras de agradecemento polo seu labor como adestrador "motivando aos seus xogadores e conectando coas bancadas". A súa famosa frase "Moito que dicir e pouco que contar" escoitouse varias veces nun pleno en que a alcaldesa lembrou que o seu nome trascende ao ámbito deportivo. Desde agora poderemos dicir "que non hai Coruña sen Arsenio", dixo.

O Pleno aceptou a renuncia de Beatriz Mato como concelleira polo Partido Popular. Todos os grupos tiveron palabras de agradecemento para á concelleira e desexáronlle o mellor na súa nova traxectoria. A alcaldesa, Inés Rey, manifestou que "fora un orgullo competir con ela, Xulio Ferreiro e Francisco Jorquera nas eleccións nunha campaña limpa e ilusionante" e desexoulle que "recupere o tempo que a política nos rouba de estarmos coas nosas familias".

MOCIÓNS:

O Goberno Local anunciou coincidindo cunha moción de Ciudadanos a creación dun banco de instrumentos musicais. Así, o Goberno Local creará no segundo semestre do ano 2020 un banco de instrumentos para facilitar que a mocidade que desexe iniciarse nos estudos musicais poidan facelo independentemente da súa renda familiar. Elaborarase unha ordenanza que regule o servizo de préstamo. Un servizo, apuntou o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, que responde "á aposta dos socialistas por achegar a musica os nenos e as nenas da cidade".

A ampliación da terminal de pasaxeiros de Alvedro, a reforma do plan director e a instalación de dous novos fingers no aeródromo coruñés foi outro dos asuntos tratados no pleno a petición de Ciudadanos a través dunha moción emendada pola Marea Atlántica, para que inclúa a ampliación no documento orzamentario para 2020 e do PP para redeseñar a política de axudas ao tráfico aéreo co obxectivo de aumentar frecuencias e destinos. A concelleira de Turismo, Diana Sobral, sinalou que as novas demandas e a situación do aeródromo, cunha cociente de 160 pasaxeiros por metro cadrado e un tráfico que acadou a cifra de 1,3 millóns de pasaxeiros, fai máis necesario que nunca a ampliación da terminal (que dispón de 8.500 metros na actualidade) e dos servizos do aeródromo e descartou que a chegada do AVE comprometa o futuro das infraestruturas.

Por último, a representante de Ciudadanos presentou ao pleno unha moción instando ao Goberno de España a non realizar concesións aos grupos independentistas que non contou co respaldo do resto de grupos, do mesmo xeito que sucedeu coa presentada polo PP pedindo ao Goberno que rompa con ERC e Bildu. O voceiro socialista lembroulles aos populares "que calquera intento de facer alarmismo social está condenado ao fracaso" e mostrou a súa satisfacción polo acordo entre BNG-PSOE: "é bo para Coruña e para Galicia". Lage Tuñas animou ao PP a regresar "ao centro da vida política e respectar o resultado das urnas".

Os nacionalistas presentaron varias demandas para trasladar ao Goberno central. Entre elas, unha moción que recolleu emendas do PP e Marea para impulsar a constitución dun consorcio para acometer dunha vez a transformación dos terreos do porto interior, manténdose a titularidade pública dos mesmos, no que estarán presentes todas as administracións e entes implicados. O Goberno xa anunciou hai días que "reclamará o mesmo trato que Valencia en relación á condonación da débeda pola construción do porto exterior". Somos socialistas, recalcou Lage, pero somos representantes da cidadanía da Coruña ao tempo que defendeu o legado dos gobernos do PSOE na Coruña "coas súas inmensas luces e algunhas sombras".

A corporación respaldou a moción do BNG e Marea reclamando ao Goberno a aprobación inmediata dun estatuto para a industria electrointensiva que estableza unha tarifa estable e asumible que permita o mantemento de postos de traballo nas empresas galegas. A concelleira de Industria, Eva Acón, destacou que para o Goberno é prioritario a aprobación do estatuto electrointensivo para impulsar a competitvidade das industrias e das empresas.

A proposta do BNG para poñer en marcha unha tarxeta moedeiro de axudas e prestacións sociais que evite o estigma as persoas en situación de exclusión presentada polo Bloque Nacionalista Galego contou cos votos a favor do resto da corporación. Esta iniciativa permite potenciar a normalización das persoas beneficiarias da tarxeta en diferentes tipos de axudas e reduce a burocracia á que deben enfrontarse. Sen embargo, aínda que a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, respalda a iniciativa, apuntou que hai axudas, como o pago do alugueiro, que non poderán realizarse coa tarxeta e comprometeuse a estudar a posibilidade de poñer en marcha aplicacións para as que sexan viables. "O Goberno traballa na actualidade na niciativa posta en marcha por Marea Atlántica dos vales de supermercado xestionados polo Goberno a través dun convenio con Vegalsa", dixo.

A moción de Marea reclamando á Xunta que cubra as prazas vacantes nos centros de planificación do Ventorrillo e Orillamar e ao Goberno Local a implementar un novo servizo de atención inmediata no Centro de Información á Muller foi respaldada por todos os grupos. Tamén se acordou convocar a comisión prevista na ordenanza de Igualdade e ao Consello de Información á Muller.

Nunha segunda moción, cunha enmeda do PP e o respaldo de toda a Corporación, Marea instou a Consellería de Industria a sentar a concretar medidas co comité de empresa de Elaborados Metálicos Emesa que servan para solucionar o conflito laboral existente na empresa e garantir os postos de traballo. A concelleira de Industria lembrou que a situación de Emesa é un reflexo máis da "emerxencia industrial que vive Galicia" e reclamoulle á Xunta máis axudas ao tecido empresarial para impulsar a competitividade e a innovación nas empresas.

O Pleno tamén aprobou, coa abstención de PSOE e BNG, a moción dos populares relacionada coas melloras na accesibilidade vertical mediante a instalación de escaleiras mecánicas en distintos puntos da cidade sempre que se axusten aos criterios establecidos no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Unha moción emendada "in vocce" por Marea Atlántica que pediu que sempre que fose posible a mellora na accesibilidade non levase implícito o uso de elementos mecánicos.

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, calificou a moción de "oportunista" e lamentou que a proposta non fose presentada no debate dos orzamentos para 2020. A mellora da accesibilidade e mobilidade universal é un dos eixos do traballo do Goberno local que traballa en melloras da mobilidade en Adelaida Muro, Club do Mar, avenida da Concordia, sinalou Villoslada.

Por último, todos os grupos acordaron reclamaren "xuntos" as inversións moitas veces demandadas pola Coruña e a súa área metropolitana (remodelación de Alfonso Molina, Vial 18, ampliación da Ponte da Pasaxe, Cuarta Rolda, Intermodal, conexión ferroviaria do Porto exterior, rexeneración ría do Burgo e melloras no tren da Coruña e Ferrol, vial 18.ampliación da Ponte da Pasaxe, remodelación da avenida de Alfonso Molina...

A iniciativa, que partiu dunha moción do PP, foi enmendada polos grupos do PSOE, Marea Atlántica e BNG, que non perderon a oportunidade de recriminar aos populares "a súa falta de coherencia", xa que durante os gobernos de Rajoy e baixo a presidencia de Feijoo na Xunta "a cidade foi deixada de lado". O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que os orzamentos da Xunta para a cidade son "unha tomadura de pelo" e insistiu "na falta de lexitimidade do PP para presentar a moción".

Villoslada tamén sinalou que os orzamentos de 2019 que non foron adiante non eran discriminatorios coa cidade, porque incluían unha importante inversión no eido social para as coruñesas e os coruñeses. Os socialistas incorporaron á moción a reclamación da transferencia da AP-9 ao longo do 2020, a inclusión da autoestrada nos esquemas de compensación para a rebaixa das peaxes que se poñan en marcha para as concesións de longo prazo, actuacións sobre a rede ferroviaria de mercadorías (Corredor Atlántico) presentando proxectos que permitan acceder a fondos europeos, así como o impulso ao saneamento e rexeneración das rías galegas coa recuperación da Ría do Burgo.

Cambio de cualificación do solo de La Solana que volve a ser público