Pleno municipal
O Pleno aproba por unanimidade as tres mocións do BNG
A Coruña, a 16 de xaneiro de 2020. O Pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves 16 de xaneiro, e por unanimidade, as tres mocións presentadas polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego.
A primeira das mocións, por orden da súa defensa perante o Pleno, insta o Goberno Local a que na anunciada interlocución de Inés Rey co novo Goberno do Estado se negocie a constitución dun Consorcio para a transformación dos terreos do porto interior e para condonación da débeda contraída pola construción do porto exterior. Emprázase tamén a alcaldesa a que acorde con Madrid a cesión ao Concello dos terreos e edificios que son propiedade do Estado e que están desafectados.
O texto que se someteu a debate foi transaccionado polo BNG con achegas da Marea Atlántica e do PP.
A segunda das iniciativas -tamén transaccionada polo BNG, desda volta só coa Marea- chama o Goberno do Estado a que proceda á aprobación inmediata dun Estatuto para a Industria Electrointensiva, clave para garantir o futuro da antiga Alcoa na nosa cidade e, xa na área da Coruña, de Celsa Atlantic (Laracha) ou da planta de Ferroatlántica en Sabón.
Canto á terceira das mocións, insta o Goberno Local a que tome unha medida concreta para impedir a estigmatización das persoas en exclusión social: a creación dunha tarxeta moedeiro para a recepción de prestación sociais.
Un consorcio para o porto interior
Foi Francisco Jorquera quen asumiu a defensa da primeira das tres mocións, a relativa ao deseño do borde litoral da cidade. O portavoz nacionalista remarcou que na "axenda coruñesa" que Inés Rey ten de trasladar ao Goberno do Estado debe aparecer a constitución dun Consorcio con presenza de todas as administracións implicadas (Xunta, Concello, Estado) para a transformación dos terreos do porto interior, ben como a condonación da débeda contraída pola construción do porto interior e a cesión á cidade dos terreos e edificios desafectados polo Estado.
Explicou Jorquera que a iniciativa do BNG se centra "naqueles asuntos que requiren da cooperación directa entre o Concello e o Goberno central" e ten como contexto a entente alcanzada pola formación nacionalista galega e o PSOE na investidura de Pedro Sánchez. "Estamos moi satisfeitos coas reaccións que ese acordo está suscitando", dixo o portavoz nacionalista, quen evocou o feito de que días atrás o PP instase o BNG "a pedir a gratuídade da AP-9 entre Pontevedra e Curro". "O PP de Pontevedra asume que en vez de se dirixir á Xunta ou aos deputados do PP en Madrid é moito máis eficaz dirixirse ao BNG para defender os intereses do país", ironizou Jorquera.
A iniciativa é, aliás, tamén un "recordatorio" á alcaldesa, pois o seu contido é copia textual de compromisos asinados en María Pita entre o BNG e o PSdeG, enfatizou o portavoz da formación nacionalista.
"Na Galiza pagamos a electricidade máis cara"
A segunda das mocións tamén foi defendida por Francisco Jorquera e con ela emprázase o Goberno do Estado a que, agora xa constituído, honre a súa palabra e aprobe de vez o Estatuto de Industrias Electrointensivas.
En teoría no Estado hai unha tarifa eléctrica única -o que penaliza a territorios excedentarios como Galiza, mentres beneficia comunidades como Madrid que non teñen que pagar o custo do traslado da enerxía-, mais na práctica na Galiza en 2019 e 2020 "pagamos a electricidade máis cara", após unha resolución do Tribunal Supremo favorábel ás eléctricas, denunciou Jorquera.
Salientou o portavoz nacionalista que o BNG deu arrancado na negociación da investidura de Sánchez o compromiso da rápida aprobación do Estatuto de Industria Electrointensiva que estabeleza "unha tarifa estábel, predicíbel e economicamente asumíbel" que permita o mantemento dos postos de traballo das empresas afectadas. Estaría en xogo o futuro da antiga Alcoa, mais tamén teñen moito a perder se isto non se arranxa industrias da área da Coruña como Celsa Atlantic (Laracha) ou a planta de Ferroatlántica de Sabón.
Activar a axenda social no concello
Avia Veira defendeu a terceira, e última, das mocións do BNG. Tiña como obxectivo mellorar o funcionamento das prestacións sociais do Concello en xeral e formulaba unha proposta concreta, a da creación dunha tarxeta moedeiro para a recepción das prestacións públicas, co propósito de evitar a estigmación das persoas en exclusión social.
Na súa intervención, a concelleira nacionalista chamou a activar a "axenda social" no Concello e nese sentido enumerou como tarefas pendentes a redacción dun Plan de Inclusión, o reforzamento do persoal dos servizos municipais, a mudanza das ordenanzas da Emerxencia Social ou da Renda Social Municipal e a axilización da tramitación do Bono Taxi.
Sobre a proposta concreta da tarxeta moedeiro, que garante que as persoas en exclusión social non se vexan expostas en público e sexan estigmatizadas, Avia Veira salientou que xa existen en concellos vascos ou en Catalunya (promovida pola Deputación de Barcelona).
Coa tarxeta podería vehiculizarse a concesión das prestacións públicas que fornece o Concello. E sobre a magnitude do que estamos a falar, deu datos Avia Veira: durante 2018 concedéronse 2.544 prestacións de emerxencia social, 855 persoas empregaron o talón restaurante e executáronse 115 mil euros en axudas ao bono taxi.