Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica facilita a aprobación do primeiro paquete de medidas contra a crise do COVID19

María García: "O noso voto é favorable porque a veciñanza precisa axuda e é mellor un mal plan que ningún plan, pero a nosa confianza no goberno sae tocada"

A Marea Atlántica facilita a aprobación do primeiro paquete de medidas contra a crise do COVID19
20200601_SGR_pleno_extraordinario__GR_9956
Pleno municipal extraordinario do 1 de xuño

A Coruña, 1 de xuño de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica sumou hoxe o seu voto favorable ao primeiro paquete de medidas do Concello da Coruña para facerlle fronte á crise do COVID-19, aprobadas por unanimidade nunha sesión extraordinaria do Pleno. Estas medidas actívanse, non obstante, 78 días despois da declaración do estado de alarma e con moito retraso sobre as que xa aprobaron outros municipios, como Barcelona, Cádiz, Lugo, Sada ou Arteixo. E aínda será necesario máis tempo para poñer en marcha as medidas, non só porque os cambios no orzamento aínda demorarán en entrar en vigor, senón porque o goberno municipal aínda non comezou a preparar as bases das diferentes convocatorias de axudas.

“Votamos a favor porque a veciñanza precisa axuda. É mellor un mal plan que ningún plan. Pero a nosa confianza no goberno municipal sae moi mermada”, sinalou a voceira da Marea Atlántica, María García, durante a sesión plenaria. E lembrou que a documentación definitiva desta modificación do orzamento chegou tan só dúas horas antes da Comisión de Facenda na que tiña que ser aprobada. “Tras unha revisión pormenorizada, atopamos sorpresas desagradables, como a anulación de varios dos acordos que permitiron a investidura de Inés Rey e a aprobación dos orzamentos en vigor, así como a alteración de varias das propostas negociadas”, denunciou María García.

“O voto favorable non nos impide ter unha postura crítica, e denunciar o xiro á dereita que deu este goberno con tal de garantir o apoio do Partido Popular. O bloque progresista que lle deu a investidura á alcaldesa, uns orzamentos en vigor e diversas ordenanzas, non sae intacto destas negociacións. Algo rompeu”, insistiu a voceira da Marea.

García sinalou, en todo caso, que por tarde que cheguen estas medidas, chegan antes que as da Xunta de Galicia, que “malia os mitins diarios de Feijóo na TVG, aínda non existen. Só temos unha choiva de anuncios preelectorais que logo deixará sen cumprir, como acontece coas obras do CHUAC, pendentes desde 2001”.

Medidas positivas e de rescate social

Pese as súas carencias, o paquete de medidas contén propostas positivas e moi necesarias para a veciñanza despois de dous meses e medio sen apoio do Concello. E moitas delas nacen das propostas da Marea Atlántica. Por exemplo:

  • Reforzo dos Servizos Sociais, con máis fondos para a Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia.
  • Máis fondos para o servizo municipal de canguraxe, aínda que se esquezan outras medidas de conciliación, como os patios escolares abertos ao barrio.
  • Reforzo do persoal municipal, para tramitar máis rápido as axudas, corrixindo os abusos da normativa de austeridade.
  • Creación dunha Oficina de Atención Cidadá para centralizar a xestión de todas as medidas nunha xanela única.
  • Máis fondos para a bolsa de vivenda en alugueiro social, un acordo asinado en xullo do ano pasado que xa debería levar tempo en marcha.
  • Axudas e incentivos a autónomos e pemes para o pago de cotas, créditos e alugueiros.
  • Bolsa municipal de baixos comerciais en alugueiro.

 

Programas e proxectos que desaparecen por sorpresa

No lado contrario, atopamos que de xeito unilateral, desaparecen os fondos para as moi necesarias obras de reforma do Centro de Planificación Familiar de Orillamar, ou para mellora da estación depuradora de Bens para evitar que a auga do mar dane os sistemas de saneamento, “unha irresponsabilidade durante a alerta sanitaria”. Tamén caen 12 propostas dos Orzamentos Participativos, que suman 1,4 millóns de euros, o programa Redeiras para o acompañamento de persoas maiores ou o convenio con ONU Hábitat para a implementación na axenda urbana da Coruña dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

En canto ás propostas que resultan alteradas, sinalamos que o que se anunciou como un reforzo do investimento en cultura non é tal, xa que as propostas incluídas suman menos que os 700.000€ que se minoran no IMCE. En realidade, trátase dun recorte denunciado polo propio interventor municipal por poñer en xogo a estabilidade financeira do IMCE.

Tamén é o caso dos bonos para o comercio local, que en lugar de ser xestionados polo Concello como un xeito de fomentar o consumo de proximidade e axudar ao mesmo tempo aos fogares que máis o precisan, perden a súa dimensión social e ademais serán xestionados por unha entidade á que non todos os comercios están asociados. O mesmo acontece con boa parte das novas medidas sociais, que se externalizan nunhas poucas asociacións sen criterios obxectivos. Así, media ducia de colectivos disporá de 2 millóns de euros, ignorando ao resto.

Faltan, de igual modo, medidas para garantir o dereito á vivenda e axudar á xente sen fogar, logo do precipitado peche do albergue de Riazor. Falta aforro en propaganda, onde o goberno en lugar de recortar incrementa os fondos até 1,3 millóns, case o triplo do que orzamentaba cada ano a Marea Atlántica. Por iso o único que xa está en marcha deste plan é a campaña de propaganda. E resulta absurdo que sigan a malgastarse 600.000 euros nun convenio con Tragsa que duplica servizos que xa existen no contrato de limpeza municipal, de xeito irregular.

A Marea Atlántica facilita a aprobación do primeiro paquete de medidas contra a crise do COVID19