Servicios sociais
O goberno local modifica as bolsas comedor para facilitar a súa tramitación
No ámbito de Benestar Social tamén se aprobará a solicitude dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación para financiar o programa "Rede municipal de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero". Desde a concellería indican que o convenio de colaboración dará continuidade ao servizo de acollida, atención integral, recuperación persoal e reincorporación sociolaboral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos ou persoas dependentes que requiran dun espazo de protección debido á situación de risco causada pola violencia de xénero. O orzamento para 2020 é de 422.674,43 euros.
A Xunta de Goberno tamén lle dará luz verde á contratación do servizo de conservación e mantemento dos xardíns históricos e das árbores singulares da cidade, cun orzamento de 530.098,58 euros. A duración do contrato será dun ano, prorrogable por un ano máis ata un máximo de dous. En todo caso, a duración do contrato queda condicionada á formalización e entrada en vigor dun novo contrato para o mantemento de parques e xardíns municipais, de maneira que a súa vixencia poderá ser inferior ao prazo sinalado.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobará o proxecto de execución dun edificio destinado a 68 vivendas na praza da Fábrica de Tabacos e arquivará as actuacións realizadas tras comprobar o cumprimento da demolición da gasolineira no hipermercado de Alfonso Molina. Tamén acordará interpoñer un recurso contra a decisión ditada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta relativa ao proxecto de ampliación e reforma do parque infantil de Pedralonga.
Urbanismo dará conta na sesión dos 114 expedientes realizados entre o 16 e o 28 de maio. Un total de 19 licenzas urbanísticas, 68 obras en réxime de comunicado, 15 exercicios de actividades en réxime de comunicación previa, 4 en réxime de declaración responsable, 2 demolicións, 2 proxectos de execución, 2 primeiras ocupacións e 2 cambios de uso.
Na sesión de mañá, tratarase a reapertura o venres 5 de xuño do Aquarium Finisterrae e a aplicación dunha tarifa reducida a partir do día 11 de xuño xa que están inhabilitados os módulos táctiles como medida de seguridade fronte ao contaxio pola COVID-19. O persoal responsable do museo habilitará un sistema de cita previa para regular a súa capacidade. Os tres primeiros días serán atendidas as persoas que gocen de entrada gratuíta.
Ademais, a empresa Sidecu Gestión SA continuará coa xestión e a explotación do Complexo Deportivo de San Diego ata que se adxudique unha nova licitación.