FOLGA
Quinta xornada de folga en Correos: 20.000 cartas e 1.000 paquetes sen repartir na rúa Entrepeñas
A unidade de reparto de Correos situada na rúa Entrepeñas chega hoxe ao seu quinto día de folga, cun impacto significativo no servizo postal das zonas da Agra, Os Rosais, Ventorrillo, Labañou e Cidade Escolar. Segundo o persoal, están sen repartir máis de 20.000 cartas e notificacións, así como uns 1.000 paquetes, situación agravada pola acumulación de máis de 120 caixas de correspondencia na unidade.
O seguimento da folga, convocada para esixir a contratación de persoal estrutural e reforzos durante campañas extraordinarias, acada o 90%. Os traballadores denuncian que, a pesar da saturación, Correos recorre a medidas anti-folga, como o desvío de carga de traballo a outras unidades ou a substitución irregular do persoal encargado do traslado de materiais.
Esta unidade xa protagonizou tres concentracións para alertar dunha situación que, segundo denuncian, pon en risco tanto a calidade do servizo como a saúde do persoal. Actualmente, 10 traballadores están encargados de cubrir 22 seccións de reparto, unha situación que deriva en sobrecargas laborais. Este esforzo excesivo xa está a causar baixas relacionadas con problemas articulares debido ao incremento das rutas asignadas.
O persoal de Correos está a mobilizarse tamén a nivel social, contactando coas asociacións de veciños para dar a coñecer a súa problemática. A asociación veciñal de Labañou, "Francisco Rodríguez Otero", xa manifestou o seu apoio ás reivindicacións.
Os traballadores esixen a cobertura estable de vacantes estruturais e reforzos axeitados durante períodos de alta carga, como a campaña de Nadal ou procesos electorais. Mentres tanto, o persoal mantense firme nas súas reivindicacións e continúa coa folga, á espera de solucións que garantan un servizo postal digno e condicións laborais xustas.