O BNG marca a axenda política en urbanismo, transporte e cultura

Avia Veira advirte ao Goberno Local que o PXOM das Percebeiras só terá o seu apoio se é negociado co BNG
O BNG marca a axenda política en urbanismo, transporte e cultura
Grupo municipal BNG Pleno Decembro
Grupo municipal BNG Pleno Decembro

A Coruña, 11 de decembro de 2024. No pleno municipal deste mércores, o BNG volveu protagonizar a axenda política local, votando a favor da suspensión de licenzas urbanísticas nas Percebeiras, pero advertindo ao Goberno Local que a modificación do PXOM nesa zona só contará co apoio nacionalista se é negociada previamente.

A concelleira Avia Veira destacou que a decisión do Pleno de repensar o urbanismo nas Percebeiras responde ao impulso político do BNG, que conseguiu a aprobación dunha moción ao respecto no pleno de novembro. “Grazas á nosa iniciativa, hoxe protexemos as vistas da Torre, gañamos espazos verdes e garantimos un urbanismo harmónico que ten en conta os efectos do cambio climático”, afirmou Veira.

A modificación puntual do PXOM de 2013 é un dos compromisos adquiridos polo PSOE co BNG no acordo de investidura que levou a Inés Rey á Alcaldía. Para Veira, a suspensión das licenzas é un paso previo necesario, mais advertiu que non aceptarán “ningún convenio urbanístico pactado cos promotores nin derivacións de responsabilidade en terceiros, como sucedeu nas Xubias ou no Parque de Oza”.

Mocións do BNG e cuestións pendentes

Ademais, o Pleno aprobou as tres mocións presentadas polo BNG. Entre elas, destacou a que insta o Goberno Local a negociar coa Administración central para que o antigo cárcere provincial sexa cedido gratuitamente ao Concello. Francisco Jorquera subliñou que esta cesión debería basearse no precedente doutras cidades como Granada ou Oviedo e pediu vontade política para desbloquear o conflito.

En materia de transporte, Avia Veira acusou o Goberno Local de “neglixencia” por non licitar a tempo o novo contrato do bus urbano. A Xunta de Goberno Local decretou esta mañá a continuidade da concesión durante dous anos, pero sen aclarar prazos para a licitación do novo contrato. “É triste que teña que ser o BNG quen obrigue ao Goberno a actuar. Mentres tanto, os autobuses seguen colapsados e a frota necesita unha renovación urxente”, lamentou Veira.

Mercedes Queixas, pola súa parte, denunciou a falta de financiamento ao Consorcio para a Promoción da Música, que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música. Queixas criticou tanto ao Goberno Local como á Xunta, esta última por unha débeda de 5,8 millóns de euros.

Con estas intervencións, o BNG consolidou o seu papel como forza impulsora de cambios no urbanismo, na mellora do transporte e na protección da cultura local, esixindo unha maior planificación e compromiso ao executivo liderado por Inés Rey.

O BNG marca a axenda política en urbanismo, transporte e cultura