Poesía
Concha Rousia presenta o libro de poemas “Se os carvalhos falassem” na Livraria Suévia
O 23 de novembro Concha Rousia presentou o seu novo libro, neste caso o libro de poemas “Se os carvalhos falassem”
Concha, con toda unha traxectoria de vida que é importante sinalar: segundo a Wikipedia cursou estudos de Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e, tras completar un mestrado en Terapia Familiar na Universidade de Maryland (Estados Unidos de América), exerce como psicóloga clínica nas proximidades de Santiago de Compostela.
Ten publicado poemas e relatos en diversas revistas como Agália ou A Folha da Fouce, e en medios como Vieiros. Foi unha das fundadoras da revista cultural A Regueifa. Fai parte da Academia Galega da Língua Portuguesa, colaborando tamén co Instituto Cultural Brasil-Galiza.
“Se os carvalhos falassem” é un libro de poemas cheo de sentimento, de paisaxes e de camiños de fóra e tamén de adentro, de estados, de sentimentos, de liberdade (esa paréceme unha das buscas que resaltan nos seus poemas). Tivemos a oportunidade de falar con Concha e preguntámoslle sobre o seu libro de poemas:
Concha, por que o título “Se os carvalhos falassem”?
É un poema dedicado ó meu pai e o título saíu así; un día decidino. É un poema de ilusión de liberdade e identidade.
De que falan os poemas?
Falan da terra, da lingua, da familia, da memoria e do amor. Están entrelazados entre eles.
Como nos podes animar a mercar o libro de poemas?
É un libro de raíces, ten moitas entradas e moitas persoas poden encontrar as conexións coa súa experiencia e a súa propia memoria colectiva.
Para mercalo?
Pois na Livraria Suévia, no mesmo barrio da Agra, rúa Vila de Negreira nº 32.
Moitas grazas a Concha Rousia e a Livraria Suévia por esta presentación.