Axenda cultural
Presentación na Agra do último libro de Xurxo Souto: A gran travesía de Chiruca Macallás
Xurxo Souto convídanos así á presentación da súa última novela “A gran travesía de Chiruca Macallás“, na que navegan Assar, Sédar e Mamadou, tres mariñeiros da Agra do Orzán. Saberemos da súa peripecia da man do propio autor e coa presenza tamén dunha representación da comunidade senegalesa.
Un gran número de senegaleses traballan hoxe nos barcos galegos. Mariñeiros competentes, pois foron formados na fecunda tradición pesqueira da súa terra.
A presentación desta novela será unha ocasión de convivio e festa en homenaxe aos mariñeiros do Senegal, na que colaboran ONG Equus Zebra, Restaurante Mamá África, Livraria Suévia e Asociación veciñal Agra. Ao remate, cataremos os petiscos dunha das máis famosas cociñeiras do barrio, Adama Gueye, propietaria do restaurante Mamá África.
- Local: Asociación Veciñal do barrio da Agra do Orzán (Rúa Entrepenas 38)
- Data: xoves 17 de outubro
- Hora: 20 h.
- A entrada é libre ata encher o local.
A gran travesía de Chiruca Macallás
Xurxo Souto | Edicións Xerais
O arrastreiro Macallás sae das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés. O seu destino: Rockall, rocha perdida, entre Escocia e Islandia. O Con de Marín, tal lle din pola nosa ribeira. Manda na ponte unha muller, Mercedes, patroa de pesca e, antes, famosa vocalista do conxunto ForzA dozZE! É unha marea ben curiosa. Entre lance e lance, a mariñeira heavy vai entrar en tratos con Lipeilipeisa, un peixe-sapo que fala, e mesmo aprenderá a cántiga de Mamí Watá, que é a serea negra da Guiné, esa que chegou canda os mariñeiros senegaleses.A gran travesía de Chiruca Macallás conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación. Coa enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís, Xurxo Souto ofrécenos unha novela personalísima que retrata a aventura dunha marea singular con ton epopeico.