O mércores 27 de setembro ás 20:00 horas,
Presentación de "A morte do meu pai", de Afonso Eiré, en Hércules de Ediciones
AXENDA CULTURAL
Hércules de Ediciones presenta o mércores 27 de setembro ás 20:00 horas, na súa sede da Coruña, a obra A morte do meu pai, de Afonso Eiré. Acompañando o autor estará o poeta coruñés Xulio López Valcárcel e Francisco Rodríguez Iglesias, presidente de Hércules de Ediciones.
A morte do meu pai non é un libro máis no panorama editorial galego e tampouco é un libro máis para o seu autor, Afonso Eiré. É unha obra moi persoal na que o seu autor ispe a súa alma, mostra o seu corazón e, tamén, Patentiza os seus sentimentos.
Eiré relátanos o proceso que conduce ao seu pai ata a morte nos oito días que van desde un accidente doméstico —e posterior ingreso no hospital de Monforte— ata o final inexorable. O autor fainos partícipes das súas dúbidas, do seu desacougo, da súa sensación de desamparo e perda.
Sendo conscientes do final que vai atopar, a novela consigue atrapar o lector, que quere saber máis e quere entender… porque esta é unha novela moi persoal, pero na que todos os lectores poderán verse reflectidos.
A historia está chea tamén de anacos de historia e vivencias (a proclamación da República, a Guerra Civil e as relacións humanas) que nos chegan a través das conversas que mantivo o autor co seu pai nesas interminables noites de hospital.
O AUTOR
Afonso Eiré López defínese como xornalista e na súa profesión conseguiu os principais premios e galardóns, como a Medalla Castelao, o Galicia de Xornalismo (en dúas ocasións) ou o Julio Camba... Aínda que para el, o maior logro foi o de exercer, durante máis de 30 anos, como director de A Nosa Terra. Con 14 anos comeza a colaborar con El Progreso, e, asemade, fai a súa incursión na literatura na que obtén o primeiro premio do certame de Narracións da Caixa Rural de Lugo.
Como Antonio Skármeta, afirma: “Eu son ese escritor que fai as súas ficcións, en primeiro lugar, coas emocións da súa experiencia persoal”. Pero Eiré vai máis alá e considera que “as emocións verdadeiras veñen dos feitos”. Por iso combina os libros de narracións cos de ensaio e tamén coa escritura de guións para películas. Poderíase dicir que é un novelista chantadino, pois os seus romances desenvólvense nesta comarca do corazón de Galiza. Talvez sexa porque coincide con Kafka cando este afirma que “a literatura son as emocións” e con Rilke cando sentencia que “a verdadeira patria do home é a infancia”.
Máis información:
http://www.herculesediciones.com/libro/morte-do- meu-pai/
HÉRCULES DE EDICIONES:
Hércules de Ediciones [www.herculesediciones.com] é a principal das tres empresas editoriais e unha fundación cultural que conforman o Grupo Hércules Global. A empresa nace na Coruña en 1985 coa pretensión de impulsar a cultura galega a través de grandes obras de divulgación dende o rigor e a calidade.
Xa en pleno século XXI, Hércules xorde novos retos e expande o seu radio de acción a través de dúas vertentes editoriais: por un lado, o “libro-obxecto” de gran formato, cunha esmerada parte gráfica e coidadísimas edicións. Por outro, a edición de libros de temas de actualidade e literatura infantil e xuvenil.