Axenda Cultural

Presentación, este xoves, da edición facsimilar da primeira edición d’"Os soños na gaiola" de Manuel María, con ilustracións de Reimundo Patiño

Este ano cúmprense 50 anos desta obra inaugural da poesía infantil en galego

Preséntase o xoves 22 de febreiro, ás 20 hrs, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16, 1º)

 

Presentación, este xoves, da edición facsimilar da primeira edición d’"Os soños na gaiola" de Manuel María, con ilustracións de Reimundo Patiño
capa
Portada do libro

Este xoves, 22 de febreiro, ás 20 hrs, preséntase na Coruña, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16, 1º), a edición facsimilar da primeira edición d’Os soños na gaiola de Manuel María. Unha edición, esta, que conmemora os 50 anos da publicación desta obra inaugural da poesía infantil en galego, editada en Lugo por Cartonajes ANMI (1968).

A reprodución facsimilar, que se presentará tamén noutras cidades e vilas do país, está feita sobre un exemplar do libro pertencente á biblioteca de Manuel María, sobre o que el fixera múltiplas correccións autógrafas e que o pintor coruñés Reimundo Patiño ilustrou profusamente.

O facsímil vén acompañado dun caderno (“Unha Galicia que vai no sentimento”: Claves para unha nova lectura d’Os soños na gaiola”) en que a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Montse Pena Presas, realiza un estudo introdutorio deste poemario esencial da nosa literatura que na actualidade vai pola súa 15ª edición. Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, a propia Montse Pena e Saleta Goy, presidenta da Fundación Manuel María serán as persoas que intervirán no acto deste xoves na A.C. Alexandre Bóveda.

Neste mesmo encontro, mostraranse doce ilustracións, sobre 12 poemas d’Os soños na gaiola, que o pintor Leandro Lamas elaborou para festexar este 50 aniversario.

Presentación, este xoves, da edición facsimilar da primeira edición d’"Os soños na gaiola" de Manuel María, con ilustracións de Reimundo Patiño