7 días 7 libros

Queixume recomenda “Patria”

José Eduardo Seijas, da libraría Queixume, na Sagrada Familia, di que Patria conta unha historia de reconciliación.

Queixume recomenda “Patria”
Libraría Queixume recomenda Patria, de Fernando Aramburu-min
Libraría Queixume recomenda 'Patria', de Fernando Aramburu.

Patria, de Fernando Aramburu, unha novela editada no 2016 por Tusquets, é a recomendación de José Eduardo Seijas, propietario da libraría Queixume na que leva máis de trinta anos na Sagrada Familia, “un barrio de lectoras e no que se vende tamén moito libro para nenas e nenos”. Patria, escrita por un vasco que vive en Alemaña, comeza a súa acción o día en que ETA anuncia o abandono das armas. Trata da relación de dúas familias separadas polo conflito. “Fala da reconciliación, de como perdoar, como a familia do asasinado intenta encontrar motivos para ese perdón”, explica o libreiro. “Pode que hai apenas dez anos non se puidera escribir unha novela coma esta”, di, “inda que non é un simple relato sobre o terrorismo é moi dura e toca cousas que pasaron hai pouco”.

Queixume inaugurouse hai 38 anos na rúa Sagrada Familia, e alí segue, inda que mudou de local. E sempre da man de José Eduardo, que vai dando conta das transformacións do negocio que desde o principio foi “libraría, quiosco e papelaría; pero hoxe un pouco máis papelaría e quiosco que libraría”. O local, de fachada estreita, pero moi amplo e de teitos altos no interior, está ateigado de libros e cores. “En canto a libros, o que máis vendemos son libros infantís, entre os maiores, as principais clientas e supoño que tamén lectoras son as mulleres”. José Eduardo recoñece que de tres ou catro anos até hoxe a venda de literatura baixou, e que non sabe moi ben cara onde evolucionará o oficio, “pero estamos preparados para transformarnos”, advirte.

Fernando Aramburu foi disntuigo este sábado 22 de abril co Premio da Crítica por Patria.


 

Queixume recomenda “Patria”