Unha fermosa historia autobiográfica
Xoán Babarro presenta o seu libro máis especial: “O baúl de Domingos Quintas”
-
O recoñecido autor –Premio Barco de Vapor en dúas ocasións– ten publicadas máis de 40 obras de literatura infanto-xuvenil
-
Hércules de Ediciones continúa a súa aposta pola literatura infantil de calidade
-
O libro publícase simultaneamente en castelán
-
A presentación será o venres 1 de decembro na Coruña
Xoán Babarro vén de publicar o libro O baúl de Domingos Quintas (Hércules de Ediciones, 2017), unha fermosa historia autobiográfica coa que o autor rende homenaxe ao seu bisavó.
A historia comeza cando o narrador decide abrir o vello bául do bisavó e atopa unha morea de poemas escritos sobre cortizas de bidueiro. A partir de aí, cada páxina contén un deses poemas —acompañado de cadansúa ilustración, obra de Estefanía Padullés—. Ademais da beleza das poesías e das ilustracións, as páxinas axúdannos a entender as conexións dos poemas con outros textos, mediante notas ao rodapé nas que se explican referencias aos animais na literatura popular, en poetas como Rosalía de Castro ou noutras literaturas —en especial minoritarias— do mundo ou da península. A historia remata cando o noso protagonista atopa algo máis no baúl: unha saquetiña cunha nota secreta.
A presentación oficial —que terá lugar o vindeiro venres 1 de decembro ás 18:30 horas na libraría A Carapuchiña Feroz da Coruña— contará coa presenza do autor; de María Prol Conde, Licenciada en Filoloxía Románica con experiencia en edición e proxectos didácticos e de Laura Rodríguez Herrera, editora do libro.
O libro aparece simultáneamente en castelán, obra tamén orixinal do autor, co título El baúl del abuelo Quintas.
O autor:
Xoán Babarro González naceu en Calvelo de Zorelle (no concello ourensán de Maceda) en 1947. Exerceu como mestre e mais como catedrático de Lingua e Literatura Galegas de Ensino Medio. É autor de múltiples publicacións relacionadas coa docencia.
No campo da literatura infantil ten publicado, desde os anos setenta, unha chea de títulos. Foi galardoado, entre outros, co premio de contos “O Facho” e, en colaboración con Ana M.ª Fernández, co de teatro “O Facho” (1983) e mais “O Barco de Vapor” (1985 e 1989). Gañou tamén o de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” (2010) e o Arume de Poesía.
É membro correspondente da Real Academia Galega e ten obras traducidas a varios idiomas.