O TSXG paraliza cautelarmente o proxecto eólico Serra de Liñares, impulsado na montaña de Lugo

Un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia suspende temporalmente o proxecto eólico Serra de Liñares nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. A iniciativa foi recorrida por ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) a través do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), debido ao impacto ambiental sobre especies protexidas como o oso pardo e o lobo.
O TSXG paraliza cautelarmente o proxecto eólico Serra de Liñares, impulsado na montaña de Lugo
unnamed (1)
Manifestación contra o parque eólico en Serra de Liñares

O proxecto eólico Serra de Liñares, que contemplaba a instalación de 16 aeroxeradores de 150 metros de altura na alta montaña lucense, foi paralizado cautelarmente por un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A resolución, emitida en setembro, responde ao recurso contencioso-administrativo interposto por ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), coa axuda do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC). A zona afectada polos traballos conta coa presenza de especies protexidas como o oso pardo e o lobo ibérico, o que levou á decisión do tribunal de suspender temporalmente o proxecto.

A Xunta de Galicia autorizara a construción do parque eólico en marzo de 2023, tras declarar o proxecto como “iniciativa empresarial prioritaria” en 2021. O proxecto, promovido pola empresa AV Serra de Liñares S.L.U, fora modificado en 2019 tras detectarse varias deficiencias no plan orixinal, pero as preocupacións ambientais seguen presentes. O TSXG destacou a falta de estudos previos sobre o impacto da instalación nas especies protexidas, subliñando a posibilidade de danos irreversibles para o ecosistema.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica xa desaconsellara a instalación eólica na área debido á vulnerabilidade das especies presentes. O auto subliña a importancia de aplicar o principio de cautela para evitar prexuízos ambientais que poderían ser irreparables. A pesar de que o proxecto contaba cunha declaración de impacto ambiental favorable, tanto ADEGA como a PDCC lograron demostrar a existencia de elementos sensibles que se verían gravemente afectados.

Este é o cuarto proxecto eólico en Galicia que é paralizado grazas á acción do FDXCC, que conseguiu tamén a anulación doutros dous parques eólicos nos concellos de Coristanco, Carballo e Santa Comba. Esta nova suspensión trae un alivio para a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, organizada na plataforma “A Montaña plántase”, que loita pola defensa dos ecosistemas da Cordilleira Cantábrica e das súas especies emblemáticas.

As entidades implicadas manifestaron a súa satisfacción por esta vitoria xudicial e expresaron o seu agradecemento a todas as persoas e colectivos que contribuíron á loita pola protección do patrimonio natural da montaña galega.

O TSXG paraliza cautelarmente o proxecto eólico Serra de Liñares, impulsado na montaña de Lugo