Celulosa

Ana Miranda denuncia a tentativa de manipulación do PP na Eurocámara para evitar o debate sobre Altri

A eurodeputada do BNG acusa aos populares de actuar contra os intereses medioambientais, económicos e sociais de Galiza
Ana Miranda denuncia a tentativa de manipulación do PP na Eurocámara para evitar o debate sobre Altri
Ana Miranda Altri pleno
Ana Miranda Altri pleno

Estrasburgo, 17 de setembro de 2024.- A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, denunciou as manobras dos deputados populares no Parlamento Europeo para evitar que as denuncias presentadas contra a instalación da planta de Altri en Palas de Rei sexan debatidas na Comisión de Peticións o vindeiro 3 de outubro. Segundo Miranda, este debate urxente foi aprobado pola propia comisión o pasado 4 de setembro, tras a súa solicitude como coordinadora do grupo ao que pertence o BNG na Eurocámara.

"É un escándalo que os deputados que se din galegos e que votan en Madrid manobren ás costas contra os intereses económicos, medioambientais e sociais de Galiza, mesmo sen ser membros da devandita comisión parlamentar", subliñou a eurodeputada tras coñecer os intentos do Partido Popular galego e español para impedir que as voces dos peticionarios contrarios a Altri sexan escoitadas na Eurocámara. Para Miranda, "a tentativa de manipulación que están facendo é contraria ao dereito da cidadanía galega a comparecer e ser escoitada na Eurocámara". Engadiu que "está claro que os deputados do PP prefiren escoitar ás multinacionais que aos membros da Plataforma Ulloa Viva, que presentaron esta denuncia no mes de xullo".

Altri Non en Galiza e Bruxelas

Miranda destacou que a comparecencia das plataformas contrarias á instalación de Altri, prevista para o 3 de outubro, permitirá explicar de novo en Bruxelas as repercusións negativas desta planta. Entre estas repercusións, salientan as diversas vulneracións medioambientais, xa que Altri pretende verter auga no río Ulla e no encoro de Portodemouros, afectando a zonas da Rede Natura (ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego). Isto suporía a destrución de áreas de especial protección nas que existen especies endémicas.

A planta de Altri prevé consumir 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, o que podería incrementar o risco de incendios, así como 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros. Deste total, vertería 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, cunha temperatura de entre 27º e 29º, afectando irremediablemente á flora e fauna da zona.

"Non podemos permitir que o PP destrúa o noso territorio, nin que este proxecto reciba fondos europeos, polo que tanto en Galiza como en Bruxelas seguiremos dicindo Altri Non", conclúe Ana Miranda. A eurodeputada lembrou tamén que, no mes de abril, organizou un encontro entre os colectivos afectados e representantes da Comisión Europea para expor as súas preocupacións.

Ana Miranda denuncia a tentativa de manipulación do PP na Eurocámara para evitar o debate sobre Altri