Orzamentos Participativos

O Concello abre a senda peonil que une a Falperra coa rolda de Nelle

A intervención no Distrito 8, na que se investiron 36.500 euros, supón a ampliación do ancho do camiño, ademais da colocación dunha varanda de protección

O Concello abre a senda peonil que une a Falperra coa rolda de Nelle
claudia_delso_xiao_varela_falperra_G88B4807
Claudia Delso e Xiao Varela na Falperra

​O goberno local avanza na execución dos proxectos gañadores dos Orzamentos Participativos. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentaron esta tarde na Falperra a actuación de mellora e ampliación da senda peonil que une o barrio coa rolda de Nelle, proposta por un veciño que tamén estivo presente no acto. Os traballos, que comezaron o pasado mes de agosto, responden a unha das propostas de investimento escollidas pola cidadanía no proceso de Orzamentos Participativos de 2017, concretamente, das iniciativas gañadoras do Distrito 8. “Hoxe damos un novo paso na construción participada da Coruña, unha cidade na que, desde hai tres anos, a veciñanza decide directamente sobre os investimentos do seu Concello”, afirmou Delso, quen lembra que o executivo municipal incorporará ao seu proxecto de presuposto de 2019 as 49 iniciativas gañadoras da última edición, que se poden consultar en http://aportaaberta.coruna.es

A intervención da Falperra, na que se investiron 36.499,78 euros, “suporá unha importante mellora nas condicións do espazo público de tránsito peonil no barrio”, sinalou Xiao Varela. O Concello ampliou o ancho do camiño, que conduce desde o antigo lavadoiro até a rolda de Nelle e cambiou a solución do pavimento por unha lousa de formigón de 20 centímetros de grosor. Estas actuacións, sumadas á instalación dunha varanda de protección de 110 centímetros de altura, así como o remate con bordos axardinados, “ofrecen unhas mellores condicións de seguridade e accesibilidade para a veciñanza”, apuntou o edil.

O Concello abre a senda peonil que une a Falperra coa rolda de Nelle