parlamento europeo
Ana Miranda leva a voz de Galiza á loita soberanista de Groenlandia

Nuuk, Groenlandia, 21 de abril de 2025.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, iniciou hoxe unha visita de traballo a Groenlandia como parte dunha delegación do grupo Verdes-Alianza Libre Europea do Parlamento Europeo. O obxectivo principal desta misión, que se estenderá até o xoves, é coñecer de primeira man a complexa situación do Pobo de Groenlandia, unha nación que loita por exercer a súa soberanía nun escenario xeopolítico marcado pola crecente cobiza polos seus abundantes recursos naturais.
"Desde o BNG pensamos que, igual que os galegos e as galegas, os groenlandeses teñen dereito a decidir sobre o seu futuro e os seus recursos", afirmou con rotundidade Ana Miranda ao comezo da súa visita. A eurodeputada nacionalista estableceu un paralelismo entre a situación de Groenlandia e a de Galiza, denunciando o risco de "espolio" que ambas nacións sofren ante a presión de intereses externos. Miranda referiuse especificamente á problemática da megaminería, os macroparques eólicos e a polémica instalación da macrocelulosa de Altri en Galiza, así como á nova ameaza da explotación de materias primas críticas.
A eurodeputada do BNG fixo eco do sentir da sociedade groenlandesa, citando o resultado das pasadas eleccións do 11 de marzo: "Como dixo o Pobo de Groenlandia, Groenlandia non se vende". Nesta delegación ao país ártico, Ana Miranda comparte presenza con outras eurodeputadas de Cataluña e un eurodeputado do País Valenciá da Alianza Libre Europea, ademais de representantes de Italia, Dinamarca, Francia, Alemaña e os Países Baixos do mesmo grupo parlamentario.
Durante a súa estancia en Groenlandia, Ana Miranda manterá unha axenda intensa de encontros. Está previsto que se reúna con diversos ministros do goberno groenlandés, membros do seu Parlamento, o Xefe de misión da UE, así como con colectivos defensores do medio ambiente e representantes da sociedade civil que traballan en prol dos dereitos humanos e os dereitos do Pobo Inuit, a comunidade orixinaria de Groenlandia.
Un dos focos de interese para a eurodeputada galega será o sector pesqueiro, unha actividade económica fundamental tanto para Groenlandia como para Galiza. A pesca representa o 15% da economía groenlandesa, sendo a principal empresa do sector de capital público e rexistrando exportacións por valor de 516 millóns de euros en 2024.
A pesar de abandonar a entón Comunidade Económica Europea en 1985, Groenlandia mantén un Acordo de Asociación Estratéxico coa UE como Territorio de Ultramar. Con todo, Ana Miranda subliñou a crecente demanda social de respecto ao dereito de autodeterminación da "illa máis grande do mundo", facendo referencia ao clamor popular de "nada sobre Groenlandia sen Groenlandia".
A Acta de autogoberno de 2009 recoñece explicitamente o dereito de autodeterminación do Pobo de Groenlandia baixo o amparo do Dereito Internacional. Ana Miranda defendeu que "o Pobo groenlandés é o único que pode decidir sobre a súa escolla futura, e non a loita de intereses xeopolíticos que existe neste momento". A eurodeputada do BNG concluíu afirmando que "nós, no BNG temos moi claro que todas as nacións do mundo teñen dereito á autodeterminación e por iso esta visita a un País en disputa neste momento xeopolítico é moi interesante para seguir defendendo a propia soberanía dos Pobos".