Proxecto Europeo pola Paz
A Coruña acude ao chamado do Proxecto Europeo de Paz
Onte, 21 de abril, naceu o grupo A Coruña Pola Paz, unha plataforma formada por veciñanza e diversas entidades sociais da cidade coa vontade de asegurar a participación da urbe herculina na convocatoria europea impulsada polo European Peace Project para o vindeiro 9 de maio. O obxectivo: alzar a voz en defensa da paz e contra a escalada militarista que recorre Europa.

Nun momento histórico marcado por guerras, ameazas e unha crecente militarización das políticas públicas, este novo espazo cidadán pretende sumar A Coruña a unha mobilización de alcance continental que interpela directamente aos valores que deron orixe á Unión Europea.
O Proxecto Europeo de Paz xorde como resposta á deriva belicista da UE e os seus Estados membro, e convoca a todas as persoas, organizacións, asociacións e entidades, sen distinción, a organizar accións descentralizadas o 9 de maio, coincidindo co Día de Europa e o 80 aniversario do final da Segunda Guerra Mundial. A data, profundamente simbólica, serve para lembrar que Europa naceu da vontade de evitar novos conflitos armados e para dicir “nunca máis a guerra”.
O manifesto https://europeanpeaceproject.eu/manifest-spaans/ do proxecto pon o foco en varias ideas clave:
A denuncia do fracaso da UE como proxecto de paz e a súa transformación nun bloque cada vez máis sometido a loxicas de confrontación e poder militar.
O rexeitamento explícito á guerra planificada contra Rusia, e a aposta por unha diplomacia cidadá e activa que recupere o diálogo e a reconciliación como ferramentas políticas.
A solidariedade coas poboacións civís de Ucraína e Rusia, vítimas dun conflito que non provocaron.
A defensa dun modelo europeo emancipado das potencias militares globais, que aposte pola cooperación, a neutralidade, a xustiza social e a memoria histórica.
A Coruña Pola Paz, pola súa banda, organiza o 9 de maio unha concentración ás 20:00 horas na praza de Pontevedra, baixo o lema “Os pobos europeos pola paz”. Será un acto aberto e plural para esixir o fin da deriva belicista e a recuperación do espírito pacífico que deu sentido ao proxecto europeo.
A convocatoria pretende ser tamén un chamamento á fin do gasto militar desmedido, que resta recursos á sanidade, á educación, á vivenda ou á transición ecolóxica, e un clamor pola resolución pacífica dos conflitos. A concentración quere servir ademais para render homenaxe a todas as vítimas das guerras e do odio, tanto as do pasado como as que padecen hoxe os efectos da violencia e da destrución en múltiples partes do mundo.
Dende A Coruña, como desde moitas outras cidades europeas, erguerase ese día unha voz clara e firme: a voz dos pobos pola paz. Desde o grupo A Coruña Pola Paz sinalan que aínda é posible sumarse á iniciativa, tanto a título individual como desde colectivos, asociacións, plataformas ou entidades de todo tipo, e fan un chamamento a ampliar a rede de voces e esforzos para facer deste 9 de maio unha verdadeira expresión cidadá pola paz, a memoria e o futuro.