BNG | nota de prensa
O BNG acada un acordo unánime para instar ao Goberno do Estado a iniciar “de inmediato” o concurso de transición xusta na central térmica de Meirama
Santiago de Compostela, 3 de febreiro, 2023. A parlamentaria do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas celebrou o acordo unánime sobre a proposta nacionalista para instar ao Goberno do Estado a iniciar inmediatamente o concurso de transición xusta para a central térmica de Meirama, acadado na Comisión de Industria e Enerxía.
Por outra parte, a proposición non de lei do BNG, defendida pola deputada, Mercedes Queixas incluía un segundo punto que non prosperou polos votos en contra do Partido popular e a abstención do PSdG para demandarlle á Xunta un estudo de impacto integral que inclúa todos os proxectos industriais enerxéticos anunciados e analice a súa afección sobre o territorio e a vida das persoas no concello de Cerceda e arredores da comarca.
A parlamentaria do BNG explicou que os anuncios publicados en diversos medios de comunicación informan de proxectos industriais enerxéticos que “ninguén coñece”, e dos que nada se sabe agás que todos se pintan de “verde”: unha planta de hidróxeno verde renovábel, unha central hidroeléctrica reversíbel, unha planta de biogás, unha planta de metanol verde e 4 parques eólicos.
Ao seu xuízo, todos estes termos tendan disfrazar a memoria do espolio de Cerceda e as súas parroquias: As Encrobas, Meirama… ou o que queda delas, porque boa parte dos lugares, topónimos, microtopónimos, fontes, camiños tradicionais, vivendas, terras de labradío… “foron engulidos polo burato da mina de lignito”.
A central térmica de Meirama provocou un balance económico millonario para Fenósa /Naturgy mentres a poboación de Cerceda diminuía pasando de 7.000 habitantes en 1980 a escasamente 5.000 no 2020, “un deserto demográfico” é a pregunta non pode ser outra máis que “onde queda a responsabilidade dos gobernos”? Antonte foi a mina de lignito ate acabar con el. “Agora é o vento, a auga, asedio por terra, mar e aire”; todos os recursos naturais valen para engordar os beneficios das empresas eléctricas “sen planificación, sen calcular os custes medioambientais, sen programar investimentos no lugar nin condicionar un abaratamento do recibo da luz para particulares e empresas como zona produtora”.
Tarifa eléctrica galega, chamámoslle no BNG, sinalou a nacionalista que criticou a negativa de Rueda, Feijóo e o PP a esta proposta porque continúan sendo “submisos” aos abrazos de Iberdrola e compañía. Sen embargo, en Aragón co presidente da comunidade á cabeza, xa anunciaron “unha tarifa eléctrica propia”.
Polo contrario, o PP en Galiza, asina un protocolo de “barra libre para as eléctricas” ás que lle ofrece un “país en venda e a prezo regalado”.
Unha barra libre, recalcou que agora vemos reforzada polo Real Decreto aprobado a semana pasada polo goberno central ao anular a obrigatoriedade de presentar a Declaración de Impacto Ambiental e exposición pública garantindo o dereito a presentar alegacións.
Outro exemplo de como é posible facer as cousas doutra maneira témolo coa térmica de Andorra-Teruel onde se acaba de resolver este concurso adxudicado ao proxecto presentado por Endesa cun investimento de “1.200 M€ e un total de 3.500 empregos” en varios proxectos industriais asociados e plans de actuación sociais.
A pregunta dixo Queixas é por que aínda non en Meirama? Que proxectos se van vincular á capacidade de 580 MW de evacuación liberados en Meirama unha vez paralizada en 2020 a térmica? Por que se permite falar de anuncios sen proxecto, sen garantía de que se executen? Que razón sostén este incumprimento por parte do estado?
Na quenda de réplica ao Partido popular, a nacionalista sinalou que no momento de peche dunha Central Térmica, o comprometido polo Ministerio de Transición Ecolóxica é que “os MW de capacidade de evacuación eléctrica que dispoñía e que son propiedade de REE deben concederse nun Concurso de Transición Xusta onde se poden presentar diferentes propostas”
Esta aprobado o plan estratéxico de REE e agora en fase de revisión. Presentou o PP alegacións? Que está a xestionar Rueda nas súas reunións coa ministra de transición enerxética? volveu a preguntar.
Finalmente, a deputada do BNG lembrou que o goberno municipal de Cerceda, en resposta a unha pregunta do BNG no pleno celebrado a semana pasada, respondeu que non conta “con ningunha información nin planificación ao respecto”.