ensino
Erguer denuncia, xunto aos estudantes do CIFP Portovello, a vulneración dos seu dereitos estudantís
Erguer. Estudantes da Galiza denuncia a imposición dunha normativa por parte do equipo directivo do CIFP Portovello de Ourense que vulnera os dereitos do estudantado, non permitindo xustificar ningún tipo de faltas de asistencia salvo casos extremos como defuncións de parentes directos ou informe médico especializado.
O estudantado denuncia a actitude de estreiteza por parte da directiva que teima en non dialogar co alumnado, e sinala o prexuízo académico que supón a imposibilidade de xustificar a non asistencia, ademais de reclamar a suspensión desta nova normativa polo abuso de poder que supón por parte do centro e pola invisibilización das diferentes circunstancias que poidan estar sufrindo as estudantes, tal e como di o cuarto punto do DOG. Núm. 128 do 6 de xullo do 2022, “o profesorado valorará as circunstancias persoais e laborais do alumno ou da alumna na xustificación desas faltas, cuxa aceptación será acorde co establecido nas correspondentes normas de organización, funcionamento e convivencia”.
A raíz dunha primeira asemblea, realizada con numerosa asistencia, a organización e as estudantes anuncian o comezo de accións de protesta colectiva se a situación non muda proximamente.