PSOE | nota de prensa
O PSdeG-PSOE apoia no Parlamento Europeo as peticións dos familiares do Vila de Pitanxo
O partido ampara a solicitude para descender ao buque e esclarecer as causas do naufraxio
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo analizou este martes a solicitude das familias das vítimas do Vila de Pitanxo para que se descenda ata o barco naufragado e se recupere a gravación do navío que permita obter evidencias que clarifiquen as causas do seu afundimento, ocorrido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros das costas de Terranova (Canadá).
Desde as bancadas europeas, o PSdeG-PSOE volveu a mostrar a súa solidariedade coas vítimas e o seu apoio a continuar a investigar o ocorrido co barco galego. "É importante avanzar en que se esclarezan as causas, que se saiba que pasou no naufraxio e que isto contribúa a aumentar a seguridade marítima dos nosos pescadores", apuntou o eurodeputado Nicolás González Casares, membro suplente da Comisión de Pesca.
Casares puxo en valor o traballo dos profesionais do mar que teñen que facer fronte "a enormes dificultades nas súas tarefas diarias para traernos alimentos saudables". De aí "a necesidade de apoiar a actividade pesqueira", a cal, ás veces, chega a custarlles a vida.
Nesta liña, o socialista chamou á Comisión Europea a reflexionar sobre as trabas existentes para "mellorar a seguridade e o confort dos barcos ao entenderse todo intento de mellora na flota como unha ampliación da súa capacidade de pesca". Atrancos, constatados pola Comisión de Pesca.
Respecto á actuación do Goberno español, Nicolás González insistiu en que "non se mantivo cos brazos cruzados", pero manifestou a súa empatía co que trasladaron as familias das vítimas ante unha suceso como o ocorrido. Tamén quixo deixar patente a diferenza entre a investigación dun accidente marítimo dunha investigación de tipo xudicial que segue outras vías.