Oza

Arranca a prospección arqueolóxica do xacemento Castrillón, afectado polo futuro plan urbanístico do Parque de Oza

A Xunta de Compensación do Parque de Oza inicia os traballos para determinar a extensión e interese dos restos arqueolóxicos, co obxectivo de integrar a súa conservación no futuro desenvolvemento urbanístico da zona.
Arranca a prospección arqueolóxica do xacemento Castrillón, afectado polo futuro plan urbanístico do Parque de Oza
Pala iniciando trabajos r
Pá comezando traballos

A Coruña, 10 de febreiro de 2025.- Esta mañá comezaron os traballos de prospección arqueolóxica no xacemento Castrillón, situado no barrio coruñés de Oza-Castrillón. O operativo, autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e contratado pola Xunta de Compensación Parque de Oza, está dirixido polo arqueólogo Emilio Ramil González. O obxectivo é determinar a extensión e o valor dos restos arqueolóxicos atopados, co fin de garantir a súa protección e integración no futuro plan urbanístico da zona.  

Os traballos, que se prolongarán durante dez días, abriran inicialmente sete unidades de sondaxe arqueolóxica. Este estudo é un paso previo esencial para o desenvolvemento do Plan Especial do Parque de Oza, pendente da aprobación definitiva do convenio que permitirá a súa execución. O xacemento Castrillón foi descuberto en 2014 durante as obras de apertura das rúas Casanova de Eirís e Avenida da Concordia. Naquel momento, atopáronse restos dunha posible estrutura habitacional, así como materiais arqueolóxicos que suxiren a presenza dun antigo asentamento.  

A Xunta de Compensación Parque de Oza, da que forman parte os propietarios da parcela (Fundación Juana de Vega e Sareb), xa reservou unha ampla área ao redor do xacemento como zona verde, que podería ampliarse en función dos achados. Ademais, hai un mes colocouse un cartel informativo na zona afectada e distribuíuse unha nota informativa entre os veciños, co fin de alertar aos particulares que utilizaban a leira para sementar en precario. A Xunta de Compensación insiste na necesidade de que estes particulares retiren con urxencia peches, plásticos e outros materiais para facilitar os traballos arqueolóxicos.  

O futuro desenvolvemento urbanístico do Parque de Oza é un proxecto que leva décadas en marcha. Os propietarios do chan e dereitos edificatorios xa cederon ao barrio miles de metros cadrados, permitindo a apertura de vías como Casanova de Eirís, Concordia e Antonio Ríos, así como a creación do Parque de Oza e a construción de equipamentos públicos como a piscina municipal. Agora, agárdase a aprobación do convenio que permitirá avanzar no plan especial de urbanización e edificación destes terreos.  

Este novo paso coa prospección arqueolóxica supón un avance significativo no camiño cara a un desenvolvemento urbanístico que respecte e integre o patrimonio histórico da zona, garantindo ao mesmo tempo o crecemento e o benestar do barrio de Oza-Castrillón.  

Arranca a prospección arqueolóxica do xacemento Castrillón, afectado polo futuro plan urbanístico do Parque de Oza