Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa
Veciñas e veciños de Oza: presentamos alegacións para mellorar os convenios do Parque de Oza e para preservar o noso litoral
Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros.
Avenida do Exercito 52 1o esquerda. Telf+34 981 298 122
Que propón o convenio?
O convenio propón un modelo baseado na idea dunha “supermanzana”, que combina urbanismo e coidado medioambiental. É un concepto interesante, pero cremos que hai marxe para facelo máis completo e axustado ás necesidades do noso barrio.
Que pedimos?
Estas son as propostas que presentamos para mellorar o proxecto:
- Recuperar zonas verdes e coidar o noso patrimonio arqueolóxico. Queremos que se respecte a zona verde prevista no Plan Xeral para a área M6 e que se protexan os restos arqueolóxicos atopados na zona, como vivendas e cerámicas, que poderían ter gran valor histórico.
- Homenaxear ao antigo Concello de Oza. Propoñemos construír un novo equipamento no lugar onde estaba o antigo Concello, para lembrar e preservar a nosa historia.
- Ampliar o Parque de Oza. Pedimos que se engadan máis zonas verdes nas áreas próximas ao parque, especialmente nas zonas M1 e M5. Máis espazos verdes sempre son unha boa nova para a calidade de vida do barrio.
- Revisar a edificabilidade. Suxerimos reducir un pouco a cantidade de edificios previstos ou redistribuílos de xeito máis equilibrado para non saturar a zona e priorizar os espazos públicos.
- Mellorar a orientación dos edificios. Pedimos reorganizar as edificacións nas zonas M2, M3 e M4 para aproveitar mellor a luz do sol e facer os espazos libres máis agradables.
- Máis accesibilidade. Propoñemos instalar un ascensor que conecte as rúas Juan Montes e Casanova de Eirís, algo que facilitaría moito o día a día de quen se move por esta parte do barrio.
Por que é importante?
Cremos que estas propostas non só melloran o convenio, senón que garanten un desenvolvemento máis sostible, accesible e respectuoso coa historia e a contorna do noso barrio.
Que pasa agora?
O Concello debe revisar todas as alegacións presentadas e elaborar un texto definitivo do convenio. Pedimos que nos respondan por escrito e de forma individual a cada unha das propostas.
Seguiremos traballando para asegurarnos de que as nosas demandas sexan escoitadas. Se queredes máis información ou tedes dúbidas, estamos á vosa disposición na Asociación Veciñal.
Grazas a todas e todos polo voso apoio. Xuntas e xuntos, podemos construír un barrio mellor.
Veciñas e veciños de Oza: novas alegacións para preservar o noso litoral
A Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros segue traballando para defender os intereses do barrio e mellorar o noso litoral. Recentemente, presentamos unha serie de alegacións ao convenio asinado o pasado 30 de xullo entre o Concello da Coruña e a entidade Castro de Oza S.L., que afecta ao desenvolvemento do ámbito urbanístico API S-35 Ría do Burgo.
A historia deste ámbito remóntase a 2022, cando o Concello propuxera unha modificación puntual do Plan Xeral que reduciría a edificabilidade e permitiría crear un corredor metropolitano litoral desde Oza ata O Burgo. Porén, esa proposta quedou paralizada, e agora parece que se pretende recuperar a planificación de 2008, cunha edificabilidade moito maior.
Como veciñas e veciños de Oza, sabemos o que significa loitar polo noso entorno. A desaparición da antiga praia do Lazareto en 1967 foi un golpe duro, e desde entón a praia de Oza quedou reducida a unha pequena franxa de area de uso urbano que en tempada alta está completamente saturada. Se este convenio segue adiante, esa situación podería empeorar.
Que pedimos?
Dende a Asociación Veciñal presentamos catro alegacións clave:
- Retomar a modificación de 2022. Solicitamos que se recupere a proposta do 2022, que conta cun informe ambiental favorable vixente ata 2028. Esta modificación rebaixaba significativamente a edificabilidade e permitía un desenvolvemento máis sostible.
- Máis información sobre o proxecto. Pedimos detalles claros sobre as edificabilidades previstas en cada área, as tipoloxías de vivenda e o acordo relativo ao Polígono de Estaleiros Valiña. Consideramos insuficiente a documentación actual.
- Ampliar espazos verdes e o areal de Oza. Propoñemos trasladar o equipamento previsto no convenio a outro lugar e utilizar ese espazo para aumentar as zonas verdes e a praia de Oza. Se non se toman medidas, a situación da praia será insostible con máis vivendas.
- Un Plan Director para o litoral. Solicitamos unha planificación conxunta de todo o bordo litoral, desde o Parrote aata O Burgo, baseándose nos estudos realizados pola Universidade da Coruña e na proposta de 2022. Actuar sen unha visión integral sería un erro.
Por que é importante?
O litoral de Oza non é só unha cuestión urbanística; é parte da nosa identidade como barrio. Calquera decisión que afecte esta zona debe ser pensada con visión de futuro e poñendo por diante o benestar da veciñanza e o equilibrio medioambiental.
A Asociación Veciñal seguirá informando e defendendo os intereses de todas e todos. Animámosvos a estar pendentes destas cuestións e a apoiar as iniciativas que axuden a preservar o noso entorno.
Unha vez máis, facemos un chamamento ao Concello para que responda por escrito a cada unha das nosas alegacións e que teña en conta a voz das veciñas e veciños de Oza.
Actividades da asociación
Por outro lado, informámosvos que poñemos a andar toda unha serie de actividades dirixidas aos veciños e veciñas do barrio. Mantemos actividades que levamos desenvolvendo xa bastantes anos e comezamos algunhas novas esperando que teñan boa aceptación entre a veciñanza.
Comezamos con: Bordado, manualidades, pandeireta, gaita, acordeón e pilates e inglés
Calquera persoa interesada en participar dalgunha destas actividades no local da Asociación na Avenida do Exercito 52 1º Esquerda ou contactar con nós no email [email protected].