Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa

A Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros presenta alegacións ao convenio urbanístico entre o Concello da Coruña e Castro de Oza S.L.

A entidade veciñal esixe retomar a proposta de redución da edificabilidade do Plan Xeral de 2022 e máis transparencia nas actuacións urbanísticas
A Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros presenta alegacións ao convenio urbanístico entre o Concello da Coruña e Castro de Oza S.L.

A Coruña, 11 de setembro de 2024 – A Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros presentou alegacións ao convenio asinado o pasado 30 de xullo entre o Concello da Coruña e a entidade Castro de Oza S.L., un acordo que afecta o desenvolvemento urbanístico da zona do API S-35 Ría do Burgo. A asociación reclama unha serie de modificacións no proxecto e solicita retomar o plan de 2022 que prevía unha considerable redución da edificabilidade da área.

O convenio actual segue os parámetros establecidos na modificación do Plan Xeral de 2008, que prevé unha maior densidade de construcións e tipoloxías de vivenda en aberto, fronte á proposta de 2022 que limitaba a edificabilidade a 0,239 m2/m2 e contemplaba a creación dun corredor metropolitano litoral entre Oza e O Burgo, ademais de reducir o número de vivendas de 633 a 241.

As alegacións da Asociación Veciñal

A asociación presentou catro alegacións principais, co obxectivo de garantir un desenvolvemento máis equilibrado e sustentable da zona:

  1. Retomar a modificación do Plan Xeral de 2022: Solicítase que se reactive a modificación puntual de 2022, que xa contaba co informe favorable de impacto ambiental, en lugar de seguir os parámetros urbanísticos de 2008. Consideran que a edificabilidade proposta no plan de 2022 sería máis axeitada para a conservación da contorna.
  2. Transparencia sobre a edificabilidade e tipoloxías de vivenda: A asociación esixe máis información sobre os plans detallados de cada zona de chan, así como sobre as tipoloxías de vivenda que se van desenvolver. Tamén solicitan clarificación sobre o acordo relacionado co Polígono de Estaleiros Valiña, pactado e presentado en sede xudicial.
  3. Ampliación de espazos verdes e protección da praia de Oza.  Ante o incremento de novas vivendas, solicitan a ampliación dos espazos verdes na zona e da praia de Oza, que xa está sobreutilizada, especialmente en tempada alta. Propóñen a reubicación dos equipamentos previstos no convenio para facilitar este obxectivo.
  4. Elaboración dun Plan Director para o litoral: A asociación reclama a elaboración dun Plan Director para todo o litoral desde o Parrote ata O Burgo, baseándose nos estudos realizados pola Universidade da Coruña e na proposta de 2022. Este plan evitaría actuacións urbanísticas inconexas e permitiría unha planificación conxunta e coherente do bordo litoral.

A Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros subliña a súa preocupación pola falta de avances no plan de 2022, que buscaba reducir a presión urbanística na zona e protexer espazos públicos de uso cidadán. O colectivo demanda que as súas alegacións sexan respondidas por escrito e de maneira individualizada.

O futuro da praia de Oza, que quedou moi reducida desde a construción dos varadoiros de buques en 1967, e o impacto que o incremento de vivendas terá sobre esta, é outra das preocupacións principais. A asociación advirte que, se non se toman medidas, o espazo actual quedará aínda máis sobreexplotado.

Para máis información sobre as alegacións, os cidadáns poden visitar o sitio web da entidade en www.redeoza.org.

A Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros presenta alegacións ao convenio urbanístico entre o Concello da Coruña e Castro de Oza S.L.