Festas nos barrios

As festas da Merced volven ao barrio dos Castros cunha xornada de reggae e memoria colectiva

O próximo venres 27 de setembro, o barrio dos Castros encherase de música e tradición co proxecto "Memoria emocional do barrio: Recuperemos as nosas tradicións". Durante seis horas, os veciños e visitantes poderán desfrutar dun baile especial ao ritmo do reggae na rúa Monte das Moas, nun evento que revive as históricas festas da Merced.
As festas da Merced volven ao barrio dos Castros cunha xornada de reggae e memoria colectiva
Imagen de WhatsApp 2024-09-20 a las 10.28.12_ed2c1738
Festas da Merced

O evento, organizado coa colaboración da Asociación de Veciños de Oza, A Gaiteira e Os Castros, xunto co Concello da Coruña e A Coruña Dub Club, comezará ás 18:00 e prolongarase ata a medianoite. A xornada musical estará marcada polas vibracións do reggae, dende os clásicos dos anos 70 ata os sons máis actuais, da man de convidadas e artistas de luxo.

Entre as participantes destacadas están Dub in Soul, un colectivo de mulleres galegas formado por Nere e Noe, que traerán unha selección de discos ao máis puro estilo UK. As dúas selectoras, coñecedoras da cultura soundsystem, prometen facer vibrar as rúas dos Castros cun repertorio cheo de enerxía e boas vibracións.

Tamén estará presente Ras Oskar, vocalista da primeira banda galega de reggae, Bush Doctors, e actual vocalista en Aum Reggae. Con máis de dúas décadas de traxectoria, Ras Oskar transportará o público ás raíces do reggae, conectando A Coruña coa illa xamaicana a través das súas melodías.

I Gardo, coruñés afincado en Compostela e fundador de Delirium Soundsystem e A Coruña Dub Club, tamén participará nesta festa da Merced. Ao longo da súa carreira, I Gardo compartiu escenario con grandes artistas internacionais como Black Omolo, Charlie P e George Palmer, e agora traerá o seu estilo SingJay para facer gozar ao público dos Castros.

O evento será sonorizado polo potente Delirium Soundsystem, que instalará tres subgraves artesanais para asegurar que as vibracións do reggae resoen con forza nas rúas dos Castros, creando unha experiencia sonora inmersiva.

Este encontro non é só unha oportunidade para celebrar o reggae, senón tamén para reconectar co pasado do barrio e recuperar as tradicións festivas das festas da Merced, fortalecendo a memoria emocional da comunidade.

As festas da Merced volven ao barrio dos Castros cunha xornada de reggae e memoria colectiva