O galego na vangarda
Os anos pasan e os galegos e galegas seguimos a ver como a saúde da nosa lingua continúa a empeorar.
Esta é unha realidade que non é máis que outra proba que nos serve para constatar a grande distancia existente entre unha sociedade galega que demanda máis galego en máis espazos e un goberno galego que se erixe como o maior inimigo do noso idioma.
Por unha banda, temos a involución do goberno do Partido Popular que asentado no autoodio e na castelanización da nosa educación e cultura continúa a ser o pau na roda que impide que o camiño da normalización prosiga de xeito natural. Deste xeito, e co Decreto do Plurilingüismo como bandeira, o goberno galego segue a presumir duns datos que ano tras ano, enquisa tras enquisa e estudo tras estudo nos veñen a dicir que o futuro da nosa lingua non está asegurado.
Xa son ben coñecidas as enquisas sobre coñecemento e uso do galego do IGE en 2019, os múltiples avisos do Consello de Europa á Xunta de Galiza para que elimine os impedimentos para podermos estudar e aprender en galego no noso país ou a máis recente Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO que entre moitas outras cousas nos alerta de que o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO con escasa competencia en galego.
Estes son só algunhas das consecuencias da política lingüística do PP que está a desempeñar o papel de muralla contra unha Galiza que pide e exerce a normalización do galego a diario. Porque os galegos e as galegas levamos tempo mostrando que non imos caer na involución do goberno. E así, seguimos a mobilizarnos dicindo que non nos enganan co seu discurso do odio, do mesmo xeito que seguimos a facer o traballo normalizador que non fai o noso goberno, creando novos espazos en todos os sectores da nosa sociedade co único obxectivo de mostrar que o galego serve para todo e para todos e todas.
E mostra desta vontade da normalización real podemos nomear múltiples iniciativas que van desde conseguir que nos poidamos comunicar nas nosas redes sociais en galego, a mostrar que podemos facer cinema na nosa lingua e acadar éxitos internacionais, pasando por facer música na nosa lingua que inunda a toda a sociedade sen importar a súa ideoloxía ou idade ou recibir múltiples galardóns na nosa literatura.
Todo isto serve para demostrar que o galego non divide nin resta posibilidades, o galego une e dinamiza a nosa vida. Por iso podemos dicir que a día de hoxe a lingua galega en Galiza é vangarda. Vangarda na música, no cinema, na moda, na literatura, no audiovisual e en calquera outro sector da nosa cultura e da nosa vida. Pola contra, o Partido Popular non ve todo este potencial do noso país, facendo que a cultura galega estea totalmente orfa dun goberno nacional que a apoie e impulse. Pero esta inacción non é algo conxuntural ou casual, esta falta de traballo en prol do idioma débese a que o goberno da Xunta está instalado no NON, na negación da nosa lingua e cultura e na minusvaloración das nosas potencialidades.
Na outra banda, estamos os e as do SI. Estamos Galiza Nova, o BNG e calquera persoa que pense que o noso idioma non é mellor ca ningún outro pero tampouco peor, e que polo tanto merece máis apoio na súa defensa e promoción. E neste caso, non temos ningunha dúbida de que contamos coa inmensa maioría dos galegos e galegas, os e as do SI.
Por todo isto e máis, este 17 de maio e os 365 días do ano defenderemos o obvio, defenderemos que falar galego en Galiza é o normal, que o galego é a lingua de todos os galegos e galegas e de calquera persoa que o queira facer seu, que o galego une e abre posibilidades e que fronte aos do NON estamos os e as do SI, e que por suposto que imos gañar porque somos moitas máis.