E a xente nova qué?
Despois dun ano de pandemia, do que todos saímos moi queimados, seguimos sen entender moitas cousas das que suceden ó noso arredor e parece que non van cambiar.
Comezando polo que nos cae máis cerca, o porto da Coruña. Unha institución cunha débeda de 300 millóns de euros, moi grande e moi pequena á vez se a comparamos co diñeiro que se lle deu ós bancos, soamente é un 0.46%, e esta vez si que é para mellorar a vida de todos os coruñeses e coruñesas. Trátase de manter público un espazo que xa o é e así aumentar os espazos verdes da cidade, construir centros públicos e instalacións deportivas, tamén públicas e iso precisamente era o que reclamabamos o pasado domingo na manifestación organizada por case 70 asociacións. A xente nova non queremos que constrúan vivenda privada, xa que con 950 euros (quen os gañe) non é posible facer frente a unha hipoteca de 200 ou 300 mil euros. O que necesitamos os novos é que se regulen os alugueiros e así podernos independizar polo menos antes dos 30 anos, por iso é fundamental que o PSOE se dea conta de que é necesario, porque a outra parte do goberno teno máis que claro.
Outro dos retos fundamentais para a xente nova é o paro xuvenil, actualmente no 37,7%, cifra moi alta, pero comparada cas cifras dos gobernos do PP non están mal. Isto é froito do traballo incondicional da Superministra de Traballo e Economía social, que está dando unha lección de cordura, bo traballo e acordo. ¿Qué ía ser de nós sen ela? Seguramente iriamos moito máis escorados e digo isto porque o barco non está estable, estamos pasando por un bo temporal no que a Capitá está facendo todo o posible, pero aínda quedan algúns anos para chegar a bo porto. E isto pasa por derogar a reforma laboral do PP, dar oportunidades á xente nova para non ter que facer a maleta, e crear traballo de calidade. Ca nosa Capitá, Yolanda Díaz, a tripulación temos moita máis confianza a pesar do temporal. E isto débese a que Yolanda antes de ser Capitá foi mariñeira e ven dunha familia de mariñeiros onde se sabe moi ben o que é non pescar, porque para estar arriba, primeiro hai que estar abaixo, e lembrarse constantemente de onde ves.
A xuventude galega o que queremos é poder vivir ben, cun traballo e con servizos públicos de calidade. Feijoo tense que dar de conta que hai que mellorar a sanidade, Ábalos debe apurar as obras do AVE... en fin deixar de ningunear a Galicia e aos novos galegos. Os políticos deben escoitar máis á cidadanía e deixar de facer todo unilateralmente, soamente así aumentarán a democracia.
A xente nova seguimos críticos, seguimos loitando e sobre todo seguimos en rebeldía.