Da pantasma da “okupación” á expulsión da clase obreira

Nas últimas semanas toda a atención mediática está centrada nun barrio coruñés do que nunca antes preocupáronse. A pantasma da “okupación” e a venda de droga ocupou portadas e reportaxes da prensa amarelista española para dar cabida a un discurso de odio que busca facilitar o terreo á especulación urbanística.

Estación
Estación

Todo aquel que sufriu un proceso de xentrificación e expulsión do seu barrio poderá entender que o barrio de Os Mallos atópase no paso 0. Neste caso, non se trata dun barrio céntrico dunha gran cidade, pero no por iso pasou desapercibido para os intereses económicos do mercado inmobiliario. Neste barrio atópase a estación de trens de A Coruña e un proxecto para construír unha estación intermodal vai a convertelo na porta de entrada non só do turismo senón tamén das elites económicas que veñan en Alta Velocidade a realizar os seus negocios á cidade.

Converter un barrio obreiro, humilde e abandonado nun barrio moderno e caro é toda unha oportunidade para as grandes construtoras, tenedoras de vivenda turística e incluso grandes empresas que fan ou queren facer aquí os seus negocios.

O discurso neoliberal calou tan fondo que chegamos a asumir que os seus negocios e o seu enriquecemento benefíciannos a todas. A alienación á que estamos sometidas fíxonos asumir un discurso que estigmatiza e expulsa a unha clase obreira empobrecida para satisfacer os intereses duns poucos.

Se algo nos ten que quedar claro é que a estación intermodal, a posible inversión e a revitalización do barrio non están pensadas para mellorar as vidas das que alí habitan, máis ben todo o contrario.

A miúdo, defínese que os procesos de expulsión comezan co abandono e a desvalorización do espazo. A ese proceso temos que engadirlle un ingrediente importante: a creación do medo ao pobre.

Os Mallos, tal e como o coñecemos hoxe, é un barrio construído na súa maior parte nos anos 50 e 60 para dar resposta á crecente necesidade de vivenda de aquelas familias chegadas das vilas e aldeas galegas que viñan a traballar á cidade. Como resultado da ausencia dun proxecto urbanístico, en pouco tempo deuse un apertamento de pequenos e grandes edificios cunha ausencia total de zonas verdes e espazos comúns.

Hoxe, as necesidades das cidades cambiaron notablemente. A industria deu paso a unha cidade de servizos onde o coche é o protagonista indiscutible, as casas quedaron obsoletas e os seus habitantes, unha poboación sumamente envellecida ven convertidos os seus fogares, sen ascensores nin illamento, en grandes trampas para o seu día a día.

As necesidades de Os Mallos hai anos que forman parte dunha reclamación constante por parte de quen alí vive e dunha asociación de veciños que leva décadas partíndose a cara por mellorar un barrio que nunca formou parte da axenda local.

Con todo, o que nos atopamos estes días non ten nada que ver cos intereses do barrio nin das súas veciñas, senón cuns intereses ocultos (ou non tanto) que buscan cambiar a composición do barrio para propiciar a especulación.

Os discursos que se están escoitando estes días dan a entender que Os Mallos é un barrio sitiado, no que non se pode saír á rúa e moito menos vivir tranquilo. Esta gran mentira que mercaron interesadamente os medios de comunicación, aínda non calou nos veciños do barrio que non ven a concordancia entre o que lles están contando nos magazines matinais que afirman que estamos peor que nos 80 e o que viven no seu día a día.

Esas “grandes” manifestacións veciñais, nin son grandes nin están protagonizadas na súa maior parte por veciños do barrio. Con todo, o medo é unha gran vía de entrada para estes discursos que buscan estigmatizar a pobreza e provocar a desconfianza, o sinalamento e o odio cara o outro.

Hoxe esas convocatorias parecen durmidas, pero os seus impulsores seguen traballando no ti a ti, organizando pequenas reunións, festas e actos culturais. Estanse organizando ante os nosos ollos e estou segura de que moitas das que participan o fan coas súas mellores intencións, alleas á idea perversa que hai detrás.

Eu nacín neste barrio a finais dos 80 e convertinme na terceira xeración criada na pequena casa que con moitísimo esforzo mercou a miña bisavoa durante a posguerra. Unha casa humilde situada entre o antigo Vioño e A Sardiñeira que hoxe, allea á transformación neoliberal do barrio, preserva a súa identidade intacta.

Como xa dixen Os Mallos sempre foi un barrio migrante, diverso e humilde. Os seus habitantes poden proceder de A Costa da Morte ou de Bogotá, ser estudantes, traballadores precarios ou xubilados, pero teñen en común a pertenza a unha clase obreira que non se avergoña nin se deixa pisar.

Os 80 e os 90 foron duros para os barrios obreiros. As crises económicas, o desemprego e a epidemia da heroína deixaron tocadas ás familias. Na miña rúa, ocultos dos ollos da veciñanza e procurando algo de luz nas tardes de inverno, homes desesperados e avergoñados trataban de atopar a súa mellor vea para inxectarse; Namentres os adolescentes que pouca ou ningunha gaña tiñan de ir a un instituto masificado e nada motivador, escondíanse dos seus pais, avós e veciños para fumar mentres lataban a clase; os bares estaban cheos e xa se tiñan convertido no espazo de relación veciñal por excelencia. Alí informábaste de que fulanito perdera o traballo ou que a filla de menganita suspendera e tiña que repetir. Formábamos parte dunha comunidade.

Os bares e as tendas de barrio, o economato e os ultramarinos eran os grandes centros de reunión. Con todo, hai anos que estes comezaron a ser substituídos por grandes superficies e máquinas de vending, o tempo de pararse a falar coas veciñas foi absorbido pola présa e quedar cos amigos polo barrio foi desaparecendo. Ese proceso de illamento foi incrementado por unha ausencia de espazos compartidos: as zonas verdes, as prazas, os parques foron engadidos como parches, froito de promesas electorais baleiras con pouca ou ningunha atención aos procesos relacionais de quen alí habitaba.

A socioloxía do barrio foi modificándose co paso dos anos. Chegaron estudantes, traballadoras procedentes doutros barrios e moitos dos que alí nos criamos tivemos que buscar vivenda noutras zonas. A migración nacional substituíse por migración internacional e a diversidade convive con normalidade no seu día a día.

As nosas maiores están sendo atendidas polas novas veciñas procedentes de Latinoamérica na súa maior parte e que, ao igual que as nosas avoas e nais no seu día, lidan coa precariedade dos traballos do fogar e dos coidados.

O tempo foi pasando e o abandono que sofre o barrio foi incrementando a súa vulnerabilidade. As necesidades dun barrio cada vez máis empobrecido a causa de quen agora ve nel unha oportunidade de negocio, non van a ser cubertas, polo menos non para ás súas veciñas.

A rexeneración do barrio chegará e con ela a expulsión da clase traballadora que verá como a revalorización do prezo da vivenda os deixa sen acceso á mesma. A rexeneración urbanística sen xustiza social, convértese en aburguesamento e expulsión. Se non loitamos por protexer os nosos dereitos,por esixir melloras para o barrio á vez que nos protexemos esixindo vivenda pública e control á especulación, ese será o noso destino.

Nese mesmo intre darémonos conta de que mentres nos criamos as súas mentiras e mirabamos con medo ao do lado, o de arriba quedábase o noso barrio para vendelo ao mellor postor. Ese é o proceso de xentrificación do que tanto se fala.

O que está acontecendo nos Mallos non é novo, forma parte do proceso de acumulación do capital que nos está expulsando dos nosos barrios e dificulta as nosas vidas. É por iso que a batalla polo dereito á cidade cobra maior importancia.

O dereito a unha vivenda digna, a servizos públicos de calidade ou a espazos comúns saudables que fomenten as relacións sociais, a participación e os coidados son centrais nesta batalla que ten máis que ver coa privatización, a especulación e a criminalización da clase traballadora que coas historias que nos están contando.

Escondernos detrás dun discurso sobre o aumento de delitos e a falta de seguridade (entendida esta como falta de vixilancia policial), non fai máis que enmascarar as verdadeiras causas da degradación do barrio.

Analicemos por un momento a situación. Os Mallos leva anos, xunto coa Agra do Orzán, sendo un dos barrios coas rendas máis baixas da cidade; a pesar de ser un barrio con alugueiros relativamente baratos en relación co resto da cidade, as malas condicións das vivendas e os baixos salarios fan que ter que destinar unha gran parte do presuposto familiar ao pago da vivenda sexa un gran problema habitacional.

Esta situación de vulnerabilidade estase vendo incrementada por unha crise económica, ecolóxica, enerxética, política e social que afecta, unha vez máis, ás condicións materiais das traballadoras.

Chama a atención que neste panorama a principal proclama sexa que nos vixíen máis, como se ser pobre fose perigoso, e non se esixan solucións para parar o ascenso do prezo da luz, no se esixan solucións para a vivenda, non se apoien as reclamacións das escolas públicos ante a falta de especialistas, non se estea apoiando a loita por unha atención primaria presencial e de calidade, non se estea protestando pola escandalosa lista de espera nos servizos sociais, nin esixindo solucións a unha crise ecosocial que remataremos pagando nós.

É notorio como as reivindicacións xiran en torno a criminalización de situacións moi complexas e delicadas como é o problema da drogadicción, pero pasen por alto as causas do abandono dos baixos comerciais.

Estes protagonistas inesperados non están baleiros por casualidade. O abandono dunha administración que preferiu investir en grandes centros comerciais ven afogando dende hai anos ao comercio local que, ante unha crise como esta e ante a falta de solucións, as autónomas víronse obrigadas a pechar os seus negocios.

Isto non é froito dun aumento da delincuencia, nin por estar nun barrio perigoso, é o resultado dunha aposta política por un modelo de cidade neoliberal, onde as multinacionais e as grandes empresas teñen máis peso que as persoas. Falta por ver se o proxecto da nova intermodal seguirá o modelo de macrocentro comercial que xa é unha realidade en Vigo e que porá en perigo o pouco comercio local que queda no barrio.

Saír a defender os intereses dos ricos, dos especuladores, da extrema dereita, vainos saír moi caro. Se pretendemos defender, non só o barrio dos Mallos, senón todos os barrios obreiros e ás súas veciñas ante a perda constante de dereitos e liberdades, temos que estar unidos, non enfrontados entre nós e elixindo quen é digno de vivir ao noso lado.

 

 

Para defender os nosos barrios non podemos permitirnos demonizar, vixiar e sinalar á veciña. Para defender os nosos barrios temos que defendernos da precarización dos empregos da subida do prezo da luz, da cesta da compra e da vivenda; loitar contra a especulación, esixir os nosos dereitos e permanecer unidos fronte aos discursos de odio que desvían a nosa atención co único fin de defender os seus intereses.

 

Para defender o noso barrio, temos que deixar claro que Os Mallos non se vende!