Carta aberta desde a Agra do Orzán

Diante da presenza do Goberno municipal no barrio o pasado sábado 9 de xullo dentro do programa de participación cidadá Dillo ti, como presidente da Asociación Veciñal Agra, quero expresar publicamente o seguinte:

Que agradezo a iniciativa de achegarse ao barrio e darlle voz aos veciños e veciñas.

2. Que tamén é motivo de alegría saber que peticións formuladas por esta asociación, o pasado mes de decembro, van ter solución por parte do Concello, segundo o manifestado polo Goberno municipal o pasado día 9 no Ágora. Tal é o caso do arranxo das rúas Páramo e Meira, da restauración do Muíño da Agramela, do arranxo do aparcadoiro do Ágora, da recuperación da Fonte do Fraile xunto coa parte do acueducto do Campo da Burra e da recuperación da Praza das Conchiñas para os veciños e veciñas.

3. Que, agradecendo todo isto, cómpre lembrar que neste noso barrio seguimos a padecer unha chea de carencias, que foron notificadas tamén no referido escrito de decembro, e que, segundo parece, seguiremos a ter que as padecer:

-Somos o barrio coa menor superficie de espazo libre e de lecer por cidadán desta cidade, de Galiza e supoño que de Europa.

-Temos un volume importantísimo de vivendas vellas e de deficiente construción que esixe programas de rehabilitación urxentes.

-Unha alta densidade da poboación do barrio é maior e necesita centros de atención especializada que lle poidan aportar dignidade e calidade de vida.

-Polo xeito de construción utilizado no seu día, non hai espazos para aparcar e esta problemática repercute directamente no desenvolvemento económico do barrio. Non se pode esquecer que o aparcadoiro do Ágora que se acaba de arranxar é provisorio por estar feito nun espazo contemplado como "zona verde" na normativa urbanística vixente. Non habería que ir pensando en aparcadoiros en altura?

-Cómpre mellorar a limpeza, a retirada de cartón e papel, a retirada de pilas, con instalación e renovación de contedores.

-Hai que revisar a ubicación das prazas de aparcadoiro para minusválidos, intentando que a baixada dos condutores sexa sempre para a zona de beirarrúa.

-Necesitamos que se recupere unha parada no barrio do bus da Universidade.

-Teríase que mellorar a frecuencia dos buses urbanos que comunican cos centros de saúde.

-Habería que substituír as papeleiras, contedores e bancos en mal estado.

-Renovar a rúa Pascual Veiga, ampliando as beirarrúas.

Neste momento, un colectivo de veciños e veciñas do barrio andan a facer un traballo de control de rúas para que en outubro, de novo, poidamos achegar ao Concello a relación de carencias que temos e reclamar, unha outra vez, a súa solución. Confiamos, polo menos, en sermos oídos.